A primavera cultural do dolmen de Dombate

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

Jose Manuel Casal

O megálito é unha das paradas obrigadas para calquera visitante que se achege estes días á comarca. Vén por diante unha Semana Santa cargada de propostas, na que se fortalece o horario de visitas guiadas para atender a ampla demanda

25 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non debería haber parada na Costa da Morte que non incluíse a visita ao xigante pétreo Dombate. O megálito, absoluta referencia, é un dos puntos fortes patrimoniais desta comarca, un ben da Deputación da Coruña que, en colaboración co Concello de Cabana, se ten convertido xa nun centro de actividades e coñecemento. A Semana Santa é nel un dos puntos fortes, considerado tempada alta porque mesmo teñen acudido ata 400 persoas nun Venres Santo. Así o conta un dos guías, Ángel Eiroa, quen ademais de polo evidente interese -Dombate é a catedral do megalitismo galego-, recomenda achegarse ata alí pola variada actividade deseñada para este mes e para os vindeiros.

O Dombate ao que lle escribiu Pondal, hoxe protexido e cuberto, semella tamén unha opción moi válida nestes días nos que o tempo, segundo parece, non vai acompañar. Horarios de visitas reforzados, cestería, arqueoastronomía e divulgación doutros puntos a visitar é o que agarda para estas xornadas máis inminentes. En Borneiro, onde está situado o dolmen, hai tamén outro destino necesario, o castro A Cidá, agora con accesos renovados, asemade para persoas con dificultades de mobilidade. Os propios guías asesoran sobre como chegar.

Novo horario de visitas guiadas e reforzo

O dolmen de Dombate está aberto en Semana Santa todos os días, de 09.00 a 21.00 horas, sen interrupción. Pódese visitar por libre, se ben os percorridos guiados con Ángel Eiroa ou Virginia Ameijenda, dende onte e ata o 1 de abril, serán entre as 11.00 e as 14.00 e entre as 16.00 e as 20.00, tamén todos os días, cun máximo de 30 persoas por quenda. Gratuíto. Logo, ata o 30 de xuño, as visitas guiadas serán de martes a venres (de 10.00 a 14.00) e os sábados e domingos (de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00). Atención a visitantes: 981 754 020 e 672 435 736.

Ana Garcia

Entretemento e pericia co cesteiro Jaime Gagino Nantón

As visitas guiadas ao dolmen de Dombate inícianse teñen unha cadencia regular, mais o tempo de agarda, de habelo, poderá entreterse os días 29, 30 e 31 de marzo, así como o 1 de abril, coa cestería do cabanés Jaime Gagino Nantón. O traballo das súas mans xa tivo moi boa acollida na pasada ponte de decembro, así que poderán volver gozar del no Centro Arqueolóxico. Non só da maña que ten, senón que quen se atreva mesmo poderá facer algunha práctica. Por suposto, tamén mercar: de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Ana Garcia

Ceos da Antiga Gallaecia e estrelas con Antón Bouzas, de A Rula

Os ceos da Antiga Gallaecia (Arqueoastronomía na Costa da Morte) é o título da sesión que conducirá Antón Bouzas o sábado 31 no Centro Arqueolóxico de Dombate (22.00 horas). Non poderá estar Jorge Mira, como estaba previsto, mais este membro do colectivo A Rula falará abondosamente de arte rupestre, de petróglifos e de moito máis. Non será a súa primeira vez en Dombate. Se o tempo o permite, farase unha observación de estrelas dende o exterior, tal e como estaba previsto. Unha proposta, dende logo, diferente.

BASILIO BELLO

Reparto de mapas e folletos do GDR entre os locais hostaleiros

Outra das propostas contempladas para este novo trimestre en torno ao dolmen de Dombate é o reparto entre todos os establecementos de hostalería cabaneses de folletos e mapas elaborados polo GDR Costa da Morte, con información sobre cultura, turismo e patrimonio dos municipios aglutinados neste organismo: Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

JOSE MANUEL CASAL

As Torres do Allo, o dolmen e os Batáns, unidos por tren

Escolares de quinto e sexto de primaria dos colexios de Cabana, Vimianzo e Zas serán os primeiros en vivir O triángulo da historia, tres percorridos en tren turístico con parada nas Torres do Allo (Zas, inicio do percorrido), nos Batáns do Mosquetín (Vimianzo), e no dolmen de Dombate (Cabana). En cada un destes lugares participarán dunha visita guiada co guía correspondente. A actividade está prevista para os días 9, 10 e 11 de abril, con saída nun caso ás 10.00 e nos outros dous ás 10.30. Irase sempre que se poida por estradas secundarias. Estas tres xornadas serán en certo modo unha proba, para ver se logo se implementa a proposta no verán, de cara aos turistas. Unha iniciativa, pois, integradora, na que colaboran os tres concellos e que une tres bens provinciais.

José Manuel Casal

Novidades didácticas en Dombate e talleres prehistóricos

A comezos do mes de abril está previsto dar a coñecer novidades didácticas no dolmen de Dombate, como é o caso dun novo espazo cunha recreación dunha vivenda do Neolítico. Haberá, por outra banda, unha campaña intensiva de obradoiros prehistóricos a cargo de Galipat, para escolares dende infantil a secundaria. Será nos meses de maio e xuño e xa están practicamente todos os días cubertos, aínda que non todas as horas, polo que os centros interesados poden escribir a borneiro@gmail.com. Os talleres levaranse a cabo na escola de Borneiro, a uns 500 metros do dolmen, e tamén alí estará a aula prehistórica. De momento, hai anotados escolares de Laxe, Zas, Vimianzo, Vedra, Santiago, Ares, do entorno de Ferrol...

Ana Garcia

Comezan os Días da Bicicleta do verán

Patrimonio e deporte sobre dúas rodas combínanse nesta proposta denominada «Arqueociclismo» e que dende o Concello de Cabana se leva a cabo en colaboración con La Voz de Galicia. En Dombate comezarán, pois, os Días da Bicicleta que logo se levarán a cabo no verán, en diferentes municipios. Son propostas xa moi asentadas. Tivéronse sopesado outras datas, como a propia Semana Santa, pero finalmente resultou elixida o domingo 29 de abril.