Cabana exalta os seus Saberes e Sabores

Patricia Blanco
PatrIcia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

Un tarde de regueifa, Rutas de Pinchos, animación musical e percorridos de aprendizaxe por Dombate forman parte do programa desta fin de semana e da seguinte, así como da ponte de decembro

02 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Saber de nós, conscientes dun patrimonio que poucos pobos teñen no mundo e que podemos estar a deixar marchar». Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), é o autor destas palabras que encabezan o programa Outono de Patrimonio de Cabana. Cabana ten saberes e ten sabores e precisamente así se chama a programación que engloba as actividades desta fin de semana e máis da próxima, así como da ponte de decembro. Concello, Deputación, asociación Íntegro e asociación Oral de Galicia sumaron formas para deseñar as diferentes propostas, que comezan precisamente hoxe. A coral de Cesullas, pola súa banda, engade outra cita, o certame Tempos de Nadal do venres 8. A continuación, en detalle: 

Tarde de regueifa: hoxe, a partir das 18.00 horas

Hoxe será un día especial para Lupe Blanco (Coristanco, 1980). Hai xusto un ano chegaba a Borneiro coa regueifa na voz, comezando. Foi en Borneiro onde empezou todo para ela, neste terreo do cantar, así que na sesión desta tarde (18.00, local social), festexerá o seu primeiro aniversario. Nunca se tería imaxinado, conta, un ano así, no que ademais de continuar coas súas sesións en Radio Voz, foi tamén pregoeira da Festa da Pataca ou da Tarde-Noite no Medievo, ademais de dirixir dende hai un tempo un obradoiro no Couto, con moi boa acollida. Ten nel xente nova, novas xeracións, de Coristanco, A Laracha... e tamén xente maior.

«Nunca pensei nada disto, coa xente dándome a noraboa por volver cantar regueifa», conta. Lupe é especial por ser moza, por non querer deixar morrer un saber antigo e por cantar regueifa sendo muller. É algo que tira e quizais hoxe consiga que un dos seus alumnos suba ao escenario. Convida a asistir esta tarde porque alí poderán verse as dúas versións de regueifa: a que fan na zona de Vigo, con Luis O Caruncho ou Felipe de Dodro, e máis a bergantiñá, con ela e con «gran mestre», Antonio de Xornes. Sobre todo, convida a acudir porque en Borneiro un se sente en familia, e mesmo por unha razón aínda máis poderosa e retranqueira: «Hai que vir porque vai haber callos, e din que os mellores callos da volta se preparan en Borneiro. Callos vai haber fixo e, despois, o que se tercie. A xente está encantada de volver escoitar regueifa».

José Manuel Casal

Ruta de Pinchos e música

Mañá, domingo 3. En Canduas, de 12.00 a 15.00 horas, nos establecementos Mariscos A Ría e restaurante San Martín. Tocan Os Farrapos de Cesullas, e haberá ademais servizo de tren turístico.

Sábado 9 e domingo 10. En Neaño. O sábado, de 19.00 a 22.00 horas, coa animación de O Son do Castro. O domingo, de 12.00 a 15.00, tamén con tren turístico. Participan os establecementos bar Rellán, pizzería Reggio, cafetería Costa Verde, tasca A Tiñosa, café bar París e restaurante Monte Branco. Un bo surtido de propostas para elixir.  

As Rutas de Pinchos xa se teñen asentado por Cabana, con moi boa aceptación por parte dos hostaleiros, que ven nesta proposta unha forma de dinamización e de darse a coñecer. Desta volta, tócalle a Canduas (mañá) e máis a Neaño (sábado 9 e domingo 10). Ademais da proposta que sirva cada establecemento -son un total de 8-, a xente poderá gozar da música. Antonio Costa, ao fronte de Os Farrapos, convidaba onte a acudir: «Vai haber festa rachada, eu diríalle á xente que se anime acudir». Xa teñen experiencia nisto de ir actuando por bares e a boa acollida acredita que o público ten ganas de cantos de taberna.

Eles, que contan ser entre seis e oito, levarán gaita, tambor, bombo, pandeireta e acordeón, «a festa completa». En canto a repertorio, irán «sobre a marcha», tratando de compracer tamén peticións musicais: «Se a xente se anima, é cando nós tamén máis nos animamos». Os Farrapos estarán mañá en Canduas; en Neaño tocaralle a O Son do Castro, capitaneado por Fernando Mato.

Ana Garcia

Artesanía inclusiva, cestería, visitas guiadas, un showcooking...

Martes 5 de decembro. No Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate, obradoiros de artesanía con asociación Íntegro: de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30. 

6, 7, 8, 9 e 10 de decembro. O cesteiro Jaime Gagino tamén estará amosando o seu saber artesán no Centro Arqueolóxico de Dombate. Mañá e tarde, tamén con obradoiros, coma no caso de Íntegro.

VISITAS GUIADAS: Cada media hora, percorridos guiados no dolmen de Dombate, entre as 10.30 e as 14.00 e entre as 16.00 e as 18.30 horas. 

Xoves 7 de decembro. De 12.00 a 14.00 horas, demostración de showcooking. Como produto, o berberecho do Anllóns. Como cociñeiro, o cabanés Félix Castiñeira.

A de Cabana é unha terra de xente, de saberes, de sabores e tamén de paisaxes. En Nantón está asentada a asociación Íntegro, que traballa dende hai moitos anos a prol da inclusión. O de artesanía é un dos obradoiros no que toman parte un bo número de usuarios e ao seu traballo daralle cabida o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate, o martes 5. Tamén á cestería de Jaime Gagino, oficios que pouco a pouco van indo e, como el ten dito, «agora serven para recordar». Félix Castiñeira dirixirá un showcooking con berberecho do Anllóns e, no dolmen, haberá ademais visitas guiadas mañá e tarde. É o destino imprescindible no municipio.

Ana Garcia

Certame de corais «Tempos de Nadal», organizado pola coral de Cesullas

A Coral de Cesullas, en colaboración con Concello de Cabana e a Deputación da Coruña, ten organizado para o venres 8 de decembro a edición número 14 do seu Certame de Corais Tempos de Nadal. Á cita, que está programada para as 18.00 horas, no auditorio municipal de Cabana, acudirán as formacións polifónicas Don Diego de Muros e Santa María de Cambre. Por suposto, tamén a anfitrioa. Con este tempo festivo que se aveciña, na Costa da Morte irán sumándose moitas citas coas voces. Sobre o escenario, seguro, tamén algunha panxoliña.