Dombate completa o triángulo histórico de Os Quinquilláns

La Voz

CABANA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCÍA

O megálito súmase ás Torres do Allo e o Castelo de Vimianzo como escenario das súas teatralizacións

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O dolmen cabanés de Dombate sumarase este verán aos dous espazos da comarca no que a compañía Os Quinquilláns viñan realizando xa teatralizacións históricas para acompañar aos visitantes polo patrimonio e o pasado local: o Castelo de Vimianzo e as Torres do Allo (Zas). Completan así, en palabras do actor Lucho Penabade, un triángulo histórico que abarca desde o neolítico ata o século XIX e que mostra o desexo dos tres municipios implicados por realizar unha promoción conxunta que redunde tamén nunha oferta máis accesible para o visitante. Así, os tres rexedores -José Muíño, Manuel Antelo e Manuel Muíño- acompañaron onte a Penabade e a actriz Tero Rodríguez na presentación do novo calendario de actuacións para os meses de xullo e agosto: sábados, en Cabana (17.30 a 19.30) e domingos en Vimianzo (13 e 17) e Zas (19.30).

Penabade explicou que os dous personaxes da recreación cabanesa serán Borneiro, un construtor de megálitos, e Anta, unha muller que trata de introducir a agricultura na zona. Ao igual que en Vimianzo e en Zas queren que a ambientación teña rigor histórico e buscarán a implicación activa do público. «Queremos que sintan como vivía a xente da zona».