«¡Hai tantas cousas dos maiores das que podemos aprender!»

v. couto / Á. palmou

CABANA DE BERGANTIÑOS

JOSE MANUEL CASAL

Visita hoxe Cabana cun programa dedicado a Matilde Vilariño e gravará aos usuarios do centro social

13 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Omar Rabuñal (A Coruña, 1978) visita hoxe (16 horas) o centro social de Neaño para presentar o programa televisivo No mellor da vida (A Galega) dedicado á cabanesa Matilde Vilariño e facer unha gravación da memoria oral cos usuarios do centro. Coñecido por ter sido director e coguionista de Para mariñeiros nós, traballa na actualidade na comedia Los amigos-La pinícula na que se poderán ver algunhas caras coñecidas da comarca, como Xtremix Ameijenda e O Parga.

-¿En que consiste ‘No mellor da vida’?

-É un programa no que basicamente cóntanse historias de persoas que unha vez que se xubilan comezan a facer todo aquilo que cando estaban traballando non podían. Temos historias incribles, como a de Matilde, pero tamén de pilotos de avioneta ou mergulladores. O lema do programa é que hoxe en día, con 65 anos, aínda es novo para facer todo aquilo que te propoñas.

-¿Que destacaría da historia de Matilde Vilariño?

-Matilde saíu no primeiro programa que fixemos e creo que foi o mellor de todos pola potencia da historia. Non quero desvelar demasiadas cousas, pero resulta que Matilde escribiu durante toda a súa vida, o que pasa é que, por vergonza ou porque eran outros tempos e non sabía o que lle dirían os seus país, cada vez que escribía algo tirábao ao lume, ata que o neto, Martín, se enterou e foi el o que a animou a que non queimara ningunha poesía máis.

-Un exemplo de que hai que valorar máis o propio.

-Si, precisamente por iso imos facer unha actividade da memoria coa xente de día entrevistándoos. Moitas veces os maiores pensan que non teñen nada que contar, pero é todo o contrario: hai tantas cousas que nos poden contar e das que podemos aprender. Moitas veces contan algo e din ‘pero isto non ten importancia’, e non é así; todo o que din é o recordo vivo de tempos pasados moi diferentes aos que vivimos hoxe en día,

-¿Como coñeceu a Matilde?

-Foi a través de Xosé María Varela. Eu chamárao porque sei que Cabana está cheo de talento e díxome: ‘Teño aquí a unha muller que seguro que che vai interesar’. Fomos a Dombate, coñecémola a ela e á súa familia, contounos a historia, quedamos abraiados e dixemos ‘por favor, necesitamos contar isto’. E ela encantada. Ademais, acolléronnos na súa casa como se fosemos da familia.

-¿Como foi a gravación?

-Era a primeira vez que gravabamos para ese programa e para nós tamén era novidade, así que tanto con Matilde como con Xosé, o outro protagonista, pasamos máis tempo que co resto. Fomos varios días, coñecémola, contounas a historia e despois fomos coas cámaras e cun guión, pero como resulta que Martín, o neto, tocaba o acordeón incorporámolo e como o rapaz tiña unha soltura impresionante decidimos que fose o fío condutor. Durante o resto dos programas xurdiron outras historias tamén moi boas, pero eu gardo esta con especial cariño.

-¿Satisfeito polo resultado?

-Si porque cando rematas de gravar e unha persoa che di que lle cambiaches a vida iso é o mellor premio. Desde a modestia teño que dicir que había moita xente á que lle cambiamos a vida porque reforzamos ese sentimento de dicir ‘eu podo facer cousas’, ‘aínda son novo e podo acadar as metas que quero’.