«Queremos recuperar a ilusión de recibir algo máis que facturas no buzón»

f. rodríguez / Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

ana garcía< / span>

O intercambio de postais recobra vitalidade grazas a actividades como a celebrada o sábado

01 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A súa paixón polas cartas converteu a Diana Pastoriza Espasandín (Santa Comba, 1980), profesora do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI, de Santiago), nunha embaixadora do postcrossing en Galicia, e os seus vencellos co Concello de Cabana, lugar onde deu os seus primeiros pasos no eido laboral, propiciaron que a localidade bergantiñá se convertera, o sábado pasado, na sé do segundo encontro autonómico na materia. O primeiro fora o pasado mes de abril en Ribeira.

-¿En que consiste isto do «postcrossing»?

-Realmente xurde cunha páxina web que foi creada polos nosos compañeiros portugueses para promover e fomentar a escrita creativa de postais e o intercambio con distintas persoas arredor do mundo. Xa hai uns 650.000 membros e do que se trata é de enviar postais a outros membros ao chou. Tamén ten unha parte dixital coa que se rexistran esas postais na propia páxina.

-¿Como comezou a súa paixón polas postais?

-Son filla de emigrantes e cando volvín para Galicia, aos seis anos, a única posibilidade que tiña de manterme en contacto coas miñas amigas e os meus amigos da infancia era a través das postais e as cartas. Así que desde sempre na miña casa houbo ese costume de escribir postais de xeito regular. E despois, xa como profesora, pareceume moi interesante polas súas posibilidades didácticas.

-¿Que beneficios ten o postcrossing?

-O beneficio a nivel persoal é recuperar esa parte palpable da comunicación por carta e a ilusión de recibir algo máis de facturas no teu buzón. Serve moito para traballar a competencia lingüística, sobre todo en inglés. A práctica do postcrossing ten como dúas vertentes: escribirme coa xente que xa coñezo, pero tamén escribir postais de xeito aleatorio a persoas de todo o mundo e isto permite mellorar moitísimo a competencia en inglés, que é a lingua que se adoita empregar. Tamén fomenta a creatividade, a parte artística, e permite desconectar porque cando un escribe require unha concentración alta, pensar no destinatario ao que lle vas escribir e, ademais, nunha postal, na que o espazo é reducido, cada palabra conta. E tamén é unha homenaxe á tradición porque non hai que esquecer que os nosos avós e os nosos pais empregaban este medio de xeito moi habitual. As postais e cartas teñen unha dimensión case inmortal porque perduran entre nós.

-¿Terán continuidade estes encontros?

-Eu penso que si. É algo que se está estendendo e a xente que se rexistra na páxina afeccionase a este mundo da escrita de postais ao final busca este tipo de encontros. Noutros países fanse de xeito case mensual, como Alemaña, Holanda ou Rusia, que é de onde son a maioría dos membros, Eu tamén teño a esperanza e a ilusión de que aquí se recupere e penso que xa vai en alza porque a nosa idea era facer un encontro anual e xa imos polo segundo este ano.

-¿Cantos usuarios hai rexistrados en Galicia?

-En España hai uns 6.000, dos que 458 son de Galicia. Eu estou en contacto coa persoa que leva a páxina web, Paulo Magallaes, e el está convencido de que en España hai moi poucos usuarios porque a competencia lingüística en inglés é baixa, pero eu estou un pouco en desacordo. Penso que é máis ben porque tendemos a asociar a escritura con algo tedioso, cousa que non pasaba cas xeracións previas.

-¿Que balance fai do Encontro de Cabana?

-Quedamos moi contentos e moi satisfeitos porque calquera encontro deste tipo que atrae o interese do público e, sobre todo, dos adolescentes, é moi positivo. Quedamos con gañas de seguir levándoo a outros concellos onde poida interesar.