Os expertos debaterán en Cabana sobre o futuro dos oficios da pedra

Á. Palmou

CABANA DE BERGANTIÑOS

O alcalde cabanés, José Muíño, presentou onte o programa da Winter Master Class.
O alcalde cabanés, José Muíño, presentou onte o programa da Winter Master Class. J. M. CASAL< / span>

Unha decena de profesionais participarán en marzo no Winter Master Class

24 feb 2015 . Actualizado a las 12:58 h.

A primeira edición do certame de cantería Vento de Pedra, celebrado en Cabana o verán pasado, serviu xa para visibilizar o traballo de canteiros e escultores e para fomentar a súa creatividade. Agora, o Concello disponse a dar un novo paso nesta liña de traballo de posta en valor dos oficios tradicionais organizando un simposio no que unha decena de profesionais poderán debater sobre a situación actual e o futuro do mundo da pedra.

Escultores, profesores, canteiros, arquitectos e empresarios relacionados co sector, tanto de Galicia como do conxunto de España, tomarán a palabra nesta iniciativa bautizada como Vento de Pedra Winter Master Class. Pasado, presente e futuro da Pedra en Galicia e que foi presentada onte polo alcalde cabanés, José Muíño.

Favorecer a colaboración

O rexedor destacou a importancia tradicional do mundo da pedra tanto en Cabana como no conxunto da Costa da Morte e sinalou que con esta iniciativa o Concello trata de procurar «alternativas de futuro» para o sector ao tempo que favorece a colaboración e o entendemento entre os seus representantes. «Xa temos demasiados minifundismos en moitos sectores e o que hai que facer é compartir coñecementos. Non creo que os profesionais deban competir entre si en prezos, senón apostar polo deseño e pola calidade. Esa é unha das cousas das que se van falar aquí», apuntou.

Esta Winter Master Class terá lugar os días 21 e 22 do próximo mes no centro de interpretación do dolmen de Dombate, posto que, tal como explicou Muíño, «xa que é a catedral do megalitismo é o sitio máis axeitado para facer unhas xornadas sobre a pedra». Con esta nova iniciativa, o Concello de Cabana profundiza ademais no seu obxectivo de impulsar o recinto como referente turístico e cultural. De feito, o dolmen xa está ligado co certame Vento de Pedra, posto que centro serve na actualidade de espazo de exposición das pezas elaboradas polos artistas que participaron na súa primeira edición.

Colaboradores

As Deputación de A Coruña e Pontevedra, a Escola de Canteiros de Pontevedra, a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago, a Fundación Artesanía de Galicia e a Dirección Xeral de Turismo son algunhas das entidades e administracións que amosaron o seu apoio á Winter Master Class.

Os escultores José Manuel Castro e Manolo Paz, os profesores Juan Ramón Pérez Martínez, Miguel Sobrino González e Pablo González Díaz e outros especialistas como o arqueólogo Manuel Ledo Bermúdez ou o arquitecto Carlos Pita, serán algúns dos participantes nos actos.

Próximo certame

O rexedor cabanés avanzou onte tamén que a súa intención é que o próximo verán se celebre a segunda edición do certame Vento de Pedra e sinalou que desta vez non se limitará só a cantería, senón que poderían ter cabida outros oficios tradicionais como a carpintería de ribeira.

Para especialistas e público en xeral

Esta primeira «Winter Master Class Pasado, presente e futuro da pedra en Galicia» está dirixida a escultores, canteiros, estudantes de ensinanzas relacionadas coa pedra, investigadores e empresarios do sector, pero tamén a calquera persoa interesada no tema e para o público en xeral. Os que queiran tomar parte nela poderán solicitar a súa inscrición ata o día 18 de marzo escribindo un correo electrónico á dirección ventodepedra@concello-cabana.es.

Para facilitar a asistencia da xente que chegue de máis lonxe o Concello de Cabana poñerá á súa disposición unha bolsa de aloxamento no albergue municipal ata completar a súa capacidade máxima (25 prazas).

venres 20 de marzo 

10.30. Inauguración da Winter Master Class.

11.00. Conferencia inaugural a cargo de Miguel Sobrino González, escultor e debuxante da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, que falará sobre O oficio de escultor. Historia e presente.

12.30. Descanso.

13.00. Mesa redonda sobre Novas orientacións dos oficios da pedra en Galicia. Pasado e futuro na que participarán Ricardo Antelo (escultor e canteiro), Manuel Ledo Bermúdez (arqueólogo), Carlos Pita (presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia) e José Ángel Lorenzo (xerente do Clúster do Granito). Moderará Paulo González Díaz, profesor de Cantería da Escola de Canteiros de Pontevedra.

17.00. Obradoiros dirixidos polos canteiros Manuel Ledo e Ricardo Antelo.

Sábado 21 de marzo

11.00. Relatorio sobre A aprendizaxe e os estudos vinculados á pedra en Galicia. Perspectiva académica e práctica por parte de Juan Ramón Pérez Martínez, mestre de taller de pedra e madeira da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago.

12.30. Charla dos escultores José Manuel Castro e Manolo Paz.

14.00. Clausura da xornada.