A Laracha alenta bos hábitos de saúde e goce de paisaxes

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

O primeiro dos percorridos será por Sisalde, en Arteixo
O primeiro dos percorridos será por Sisalde, en Arteixo atr

O Concello promove unha nova edición do seu programa «Andainas de outono»

14 oct 2026 . Actualizado a las 01:47 h.

Tres andainas • Os días 25 de outubro, 8 de novembro e 15 de novembro • Vén de anunciar e presentar o Concello da Laracha tres novas saídas nunha nova edición do seu programa municipal Andainas de Outono. Hoxe mesmo, martes 13, quedará aberto o prazo de inscrición, un trámite gratuíto. Son limitadas as prazas e terán preferencia os empadroados no termo municipal: para anotarse, na web actividades.laracha.gal, presencialmente na Casa da Cultura ou ben chamando ao teléfono 676 963 062. Segundo dá conta o Concello, haberá tres percorridos e a iniciativa ten como obxectivo promover os hábitos de vida saudables a través da actividade física ao aire libre, ao tempo que ofrecer á veciñanza unha oportunidade de descubrir paisaxes, espazos naturais e elementos do patrimonio cultural e etnográfico da contorna. É por iso que a dificultade será baixa. Con todo, plantéxanse para maiores de 10 anos.

Domingo 25 de outubro • Senda do río Sisalde • Polo veciño municipio de Arteixo, percorrido circular de 10 quilómetros. O itinerario discorre a carón do río e permitirá gozar de pequenas fervenzas, zonas de bosque, áreas de cultivo e antigos muíños de auga, algúns deles ademais restaurados.

Domingo 8 de novembro • Ruta de Traba e Laxe • Percorrido lineal de 7,7 quilómetros. Mar e costa son os protagonistas desta saída: litoral, praias, camiños e contorna da lagoa de Traba. Todo riqueza.

Domingo 15 de novembro • Carreiro do Río • Por Baio, no municipio de zas, unha ruta circula de 12 quilómetros. Cursos fluviais, bosques de ribeira, contacto coa natureza, antigos muíños e tradición. En cada unha destas xornadas, segundo informa o Concello, un autobús partirá ás 09.30 horas da Praza Les Sables d’Olonne. Será o punto de partida e tamén de retorno.