Radio Cos alonga verán nos escenarios

P. B. CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Xurxo Fernandes e Quique Peón, no seu concerto do domingo en Paiosaco
Xurxo Fernandes e Quique Peón, no seu concerto do domingo en Paiosaco BASILIO BELLO

Logo do seu concerto en Paiosaco, quédanlle citas na Costa da Morte en Zas ou en Malpica. Tamén en Guísamo

08 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Aló a comezos do mes de xuño a presentación da programación completa do festival da Carballeira de Zas —7 e 8 de agosto— traía a ledicia de coñecer todo o menú deseñado, moi intenso, mais tamén o sabor amargo da anunciada despedida de Radio Cos. Así o avanzaba un dos seus integrantes, Xurxo Fernandes, cofundador da agrupación xunto con outro nome e rostro ben querido nestas terras de Bergantiños, o de Quique Peón: «Quizais a última ocasión para ver xuntos a Radio Cos», dixera Xurxo.

Mais por fortuna o verán é logo e tamén agranda a súa despedida dos escenarios. Foi este pasado domingo cando puido gozalos o público da Feira das Cereixas de Paiosaco, dándolle o remate a unha calurosísima xornada. E por diante aínda hai algunha que outra data: a propia Carballeira de Zas (8 de agosto), Malpica (14 de agosto), Guísamo Folk (22 de agosto) e nada menos que Bruxelas para o 20 de setembro. A de Radio Cos, logo de lustros de bo facer xuntos, será unha despedida en harmonía, camiños que collen rumbos distintos, mais que seguirán enriquecendo aos seguidores dos seus xeitos de cantar e tocar.