Atardecer no castro de Montes Claros: nova proposta para o vindeiro 26 de xullo
04 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A novena Carreira do Apóstolo abrirá, o vindeiro 18 de xullo, a completa programación cultural e lúdica que preparou a asociación Adro de Vilaño con motivo das súas festas patronais. Unha programación á que veñen de engadir unha proposta ben singular coa que aproveitarán o seu principal recurso patrimonial, o castro de Montes Claros.
Un atardecer no xacemento, o domingo 26 de xullo, é o que preparou a entidade co obxectivo de imaxinar como puido ser unha xornada de festa no castro, e de que a xente se mergulle «nesa atmosfera», apuntou Álex Rama durante a presentación.
É por iso que convidan a tódolos asistentes a acudir caracterizados como habitantes da idade de ferro a uns festexos que incluirán xogos tradicionais (17.00 a 20.00), animación a cargo da charanga Os Máquinas (17.30 a 19.00), visita teatralizada con K'Paparota e a arqueóloga Puri Soto (19.00 a 20.00) e, por último, os concertos de Sés, Daniela Montes e Irma Macías con Luís Pinto (20.00 a 00.00). Ademais, dende as 20.00 estará funcionando unha taberna castrexa cunha cea pensada para a ocasión.
Ademais da carreira e da xornada castrexa, a programación deseñada por Adro de Vilaño inclúe tamén a proxección do documental Mulleres de Vilaño, unha noite de verbena con Panorama City, unha Pequefesta ou o Vilaño Fest, unha cita de música urbana con nomes como Kid Moung ou Xmaseda65.