Abrirá este venres o 12.º Festival do Humor da Laracha: chega á vila con «Enredada». Entradas á venda!
06 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Vaia facendo oco na axenda, porque plans non van faltar para esta fin de semana. Un deles, o 12.º Festival de Humor do Concello da Laracha, que volve apostar pola comedia da man de Rababiero e de nomes como o de Leticia Miraz, Leti da Taberna: este venres 8 de maio, ás 22.00, na Casa da Cultura. Falou onte en Radio Voz:
—Tócalle abrir festival. Que reto!
—Con non ser a persoa que pase á historia por derrubar o 12.º Festival de Humor da Laracha doume por satisfeita... E se ben moita xente, pois mellor aínda!
—Temos falado con motivo da Rúa dos Contos de Carballo, ou do festival Interplay. Dende aquela xa pasou algunha vez máis pola Costa da Morte. Os monólogos serven para coñecer territorio.
—Así é! Estiven tamén en Ponteceso dúas veces, Muxía, Arteixo que está aí na fronteira... E agora con ganas da Laracha. Aí sempre fun ben recibida. Cantas cousas non pasaron dende aquela conversa! Non vou dicir que non me recoñezo, porque sigo sendo a mesma, pero medramos bastante.
—Vénnos con «Enredada»?
—Sigo con ese monólogo, si, pero evolucionou tanto que valoro un Enredada 2.0. Xente que o puidera ter visto nos inicios e que o vexa agora verá partes en común, pero outras novas, porque a comedia está sempre en movemento e quen fai parte da comedia é o público. A temática inicial é a nosa relación coa tecnoloxía, como nos está cambiando a vida... Aínda que penso que xa hai un pequeno retorno ao analóxico.
—Leti é unha taberneira con formación sanitaria. Ten traballado na saúde e no viño, e o covid levouna ao humor. Cantas cousas nos deixou a pandemia, non é?
—A min, moitas, cambioume a vida e chegáronme moitas alegrías, aínda que non vou dicir que sempre sexa sinxelo. Naquel momento eu xa estaba na hostalaría, nun parón da rama sanitaria, aínda que me ofrecín para botar unha man. Ao final o da risa tamén é saúde, o viño xa non o teño tan claro [ri]!
—Din que os taberneiros tamén son algo psicólogos.
—Entón miña nai ten o título seguro! Son moitos anos escoitando parrafadas, e penso que na taberna tamén gañei facilidade para o traballo que acabei facendo. Somos bastantes os cómicos ou presentadores que nos criamos detrás dunha barra, é unha escola do trato coa xente, verlles na mirada por onde ir, por onde tirar...
—Como consegue manter a naturalidade nun mundo de redes que son bastante de postureo?
—Xusto me colles reflexionando. O día que vou á Laracha cadra co remate do programa Quen anda aí, e aínda o estou dixerindo. Estando na radio, na tele e cos espectáculos, o traballo a veces faiche ir en automático, pero con respecto a min, como Leti, como persoa, nada cambiou. Sigo sendo a mesma: unha cousa é que o mundo sexa de postureo e outra que te deixes embaucar por el. Chego á casa do traballo e a miña vida é a mesma: é máis, penso que o círculo persoal se pecha máis, aprendes a diferenciar. O meu traballo, un dos máis bonitos do mundo, permíteme divertirme, ser eu e facerlle pasar un momento agradable á xente.
—Que é o humor na súa vida?
—Na miña foi táboa de salvación. Cando comecei a crear contido [para redes] tiña un negocio que se estaba indo ao traste, coma moitos co coronavirus. Perdino todo e iso foi algo que aínda empecei a verbalizar hai pouco. Escribíame xente para dicirme que lles alegraba algo a vida, e eles mesmos estaban a facer iso comigo.
—Maternidade, comercio local, culto ao corpo... Só hai que dar unha volta polos seus últimos vídeos para ver que, con humor, se poden tocar temas moi serios.
—É unha ferramenta útil, e hoxe moi precisa. Perdeuse moita conversa de taberna, oxalá se volvese recuperar. Falar, debater... Vivimos como nun momento de moita tensión social, xa non nos escoitamos e menos se alguén ten unha opinión diferente á nosa. O humor, non obstante, lévanos a atoparnos todos no mesmo punto. Eu, por sorte, non teño moitos haters. O diálogo non é sinxelo, así que, se podo aportar o meu gran de area, pois fantástico.
—Prefire o directo ou a pantalla?
—O directo, sen dúbida. Tes á xente diante, notas a enerxía. Eles danme e eu recibo. Adoitamos centralo no artista, é ao revés.
—De que lles fala aos nenos cando fai visitas aos colexios?
—De cousas como crear contido en galego. A min o galego só me abriu portas, e eu véxoo o máis normal do mundo: é a lingua da miña casa! Falamos tamén dos odiadores das redes e do impacto que teñen, ou tiramos por talleres de creación, pois nisto a veces o que custa é botarse adiante.
—Para quen vai «Enredada»?
—Para todo o mundo que queira e teña a ben coñecernos. Teño moitas mulleres no público, pero non só fago humor para elas! A veces vexo algún home que vén todo teso e acábao pasando moi ben!
Os datos clave
O 12.º Festival do Humor da Laracha bota a andar este venres. Seguirá todos os demais venres de maio, ás 22.00 horas, na Casa da Cultura. Logo de Leti da Taberna chegarán Marcos Pereiro, Félix el Gato e Oswaldo Digón. Para cada un deles, entradas a 10 euros á venda na Casa da Cultura, en horario de mañá.