A primeira proposta deste Mes do Libro será o venres 10
01 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Abril volverá ser o mes dos libros nas bibliotecas de A Laracha, con cinco propostas deseñadas polo Concello co obxectivo de promover o hábito lector ao tempo que se conmemora o Día Mundial do Libro, que se celebrará o 23.
Tódalas actividades serán de acceso libre e gratuíto a excepción da primeira, para a que será necesaria inscrición previa ao dispoñer dun número limitado de prazas. Será o venres 10, ás seis da tarde, na biblioteca larachesa, e consistirá no obradoiro de ciencia SOS A Terra: propiedades da auga, que impartirá Ciencia e movemento.
A seguinte proposta será o mércores 15, tamén ás seis da tarde, no centro sociocomunitario de Caión. Desta banda, os rapaces poderán gozar do contacontos musical Contos para caghar patatillas, de Brais das Hortas.
O espectáculo para primeira infancia Nube de algodón, de Trémola Teatro, será a seguinte proposta, á que as familias poderán acudir cos seus bebés de 0 a 3 anos: será na biblioteca municipal larachesa, ás cinco da tarde.
O mércores 22, chegará Manuela Contacontos a Paiosaco coa proposta de narración oral O gato con contos, ás seis. E, por último, o xoves 23, o propio Día do Libro, a actividade regresará á capital municipal co contacontos participativo Aventuras da patrulla do lixo, de Pedras de Papel. Será ás seis.
O programa conta coa colaboración da Xunta no marco do proxecto de dinamización da lectura Ler conta moito.