
«Unha comedia neurótico-festiva»: así presenta De Ste Xeito Producións o que se poderá ver na Casa da Cultura
28 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • «Unha comedia neurótico-festiva», unha obra de hora e cuarto de duración, unha peza para maiores de 12 anos e estreada este mesmo ano, no mes de abril. Todo iso é Neura, o espectáculo que mañá pechará os Venres Teatrais impulsados polo Concello da Laracha. «Neura é unha comedia que aborda o tema da saúde mental, iso si, con minúsculas. Os nosos protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Tentan agochar algunhas, exhiben outras orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas», indican dende a compañía, De Ste Xeito Producións, na súa páxina web. «Neura non é unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor, que rematou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos ex. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que actuamos como perfectos descoñecidos», avanzan tamén. Volven atoparse por azares da vida, en circunstancias moi distintas. Estarán obrigados, de novo, a «poñer a proba a compatibilidade das súas neuras». Cita ben completa, pois, da que se poderá gozar ás 21.00 horas na Casa da Cultura, con acceso libre ata que se complete o aforo.