Dani Fernández, goleador do Paiosaco, agarda un marcador de 1-3 para os seus no derbi de hoxe co Bergan
26 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O Paiosaco, na zona media da clasificación, tamén está a deixar moi boas sensacións no arranque ligueiro. A nivel individual, destaca Dani Fernández Carnota, que foi fichado este ano como extremo, xa se sitúa como máximo goleador do equipo verdibranco con cinco tantos anotados. O xogador pasou polo programa radiofónico Voces de Bergantiños antes da gran cita co Bergantiños (hoxe, ás 17.00 horas, nas Eiroas), para a que se espera un gran ambiente.
—Como chegan ao choque logo desas dúas derrotas?
—Cando xogas contra equipos como o Arousa e o Celta C, o normal non é sacar vitorias cómodas, digamos. Chegamos nunha boa dinámica. Perdemos dous partidos, pero non nos afecta á confianza porque, ao final, son encontros que pode ser que perdas. Son xente que ten que estar arriba. Mais cando chegas a un derbi, todo se iguala. Vas con ilusión, con motivación, e non hai pensamentos negativos.
—Vostede atravesa por un moi bo momento. Agardaba esta explosión goleadora?
—Sen dúbida. Nunca fun goleador. O ano pasado empecei a xogar de dianteiro. Este ano, o que falara con Diego [o míster] era para extremo. As circunstancias fixeron que empezase a xogar máis arriba e, por sorte, foron chegando os goles.
—Como se imaxina o derbi?
—Que sexan eles os que leven o protagonismo do partido, os que teñan a pelota máis tempo, e que intenten facer o seu xogo. Pola nosa parte, agardo que cando recuperemos o balón, teñamos personalidade para facerlle sufrir sen el. Con balón, son espectaculares.
—Algo que comparten ambos é que puntúan máis fóra que na casa.
Si, gañamos na Grela, en Sarria e en Betanzos, que son campos que non teñen nada que ver. Na Porta Santa, en cambio, non somos capaces e non sei por que. Pero chegará.
—Como está vendo a Terceira?
—Ao ser o meu primeiro ano na categoría, non podo comparar. Si que podo dicir que notei moito o salto, sobre todo, en tema ritmo, en como vai o balón, e nos aspectos técnicos do control e do pase. Tamén hai xogadores espectaculares que non había en Preferente. Creo que o nivel é moi alto.
—Por que resultado aposta para este domingo?
—1-3 para o Paiosaco.