Xabier Maceiras: «Hai moitos quilómetros e horas de conversas neste libro»

A LARACHA

O escritor arteixán presenta un traballo sobre os salóns de baile e os músicos da Laracha
18 sep 2023 . Actualizado a las 19:19 h.Presentou hai nada un libro sobre os salóns de baile e os músicos da Laracha, e Xabier Maceiras (Arteixo, 1970) xa está a preparar un novo volume sobre as telleiras tamén larachesas, que o mantivo durante as últimas dúas semanas transcribindo conversas sen parar. «A Laracha tira polo que fago», sinala.
—Di que os seus traballos sempre son de memoria. Temas como o mar, a industria, o fútbol e agora o baile e a música.
—A memoria é o obxectivo dos meus traballos. Estamos no fío de que, cando pasen dez anos, esta xente de 80 que viviu o que lle tocou vivir, épocas difíciles, cando eles non estean presentes xa non hai de onde tirar. Entón, como digo sempre, aí seguiremos traballando as leiras da memoria.
—Esa imaxe dos salóns cambiou radicalmente.
—Falamos dunha época totalmente diferente. Na maioría dos casos chamábanlles salóns, pero eran meros alpendres, facíano para dignificalos e darlles elegancia. Os medios de transporte de antes eran os que eran, o de san Fernando. Entón, por iso, en cada parroquia había eses lugares onde moceaba a xente nova desa época.
—En «Os bailes dos avós» fala sobre a memoria da bisbarra na Laracha dos anos 30 aos 70.
—Este libro é o primeiro fillo do blog Crónicas da Laracha, que para o mes fará dous anos publicando semanalmente. Os 44 capítulos do libro foron publicados previamente na rede. Agora fixeron a viaxe ao papel.
—Vostede xa non chegou a vivir unha evolución de xeito directo destes locais.
—Non, tocoume vivir a época dourada da Pazos, que foi tamén o local onde a base deste crecemento os outros locais foron morrendo. Aínda que as súas orixes foron tamén a mediados dos sesenta, era un salón como calquera outro, logo o seu propietario tamén soubo ir máis aló. Un home da emigración, que estivera en Francia e viaxara moito, sempre con esa expectativa de controlar salóns de outros lugares. Tróuxoo á Laracha e foi durante anos un referente.
—Cada capítulo é unha historia.
—Si, son todas historias independentes. Nos primeiros capítulos do libro empezo con noticias de hemeroteca, é difícil ter memoria de antes da guerra. Hai que ter en conta que se algún salón saía nos medios, non era por cousa boa. Houbo multas, un pouco como hoxe, que tes que pedir oportunos permisos.
—Hai algunha á que lle gardes un especial cariño?
—Se teño que elixir unha, un pouco polo momento no que estamos, no tema da igualdade, quédome coa de Carmen Mallo, unha das primeiras mulleres que se subiu a un escenario. Ela era saxofonista, e téñolle especial cariño por eses difíciles camiños que abriu Carmen en Bergantiños no sentido da igualdade. Tamén fun descubrindo cousas, por exemplo, o que significou Los Tamara en toda Galicia. Saber que un dos primeiros integrantes era de aquí, da Laracha, son historias presentes. Logo tamén estes gaiteiros das parroquias que axudaron a dar alegría nuns tempos nos que eran poucas.
—As conversas cos protagonistas foron a base de todo.
—A maioría dos datos que fun obtendo foi como fago sempre, pateando, porta por porta. Ás veces é difícil gañar a confianza da xente. Unha das preguntas que me fan moitas veces é se son o do catastro. Hai moitos quilómetros e moitas horas de conversas neste libro.
—Cal é o papel das novas xeracións?
—Son moi feliz escoitando á xente maior. A finalidade dos traballos da memoria tamén é para que as novas xeracións coñezan o pasado. Quen o queira consultar, aí vai estar sempre.