Sés, no seu pregón: «Quero a Caión por bonito, e polo seu ser diferente, quéroo pola súa xente»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

ANA GARCIA

A cantareira abriu os Milagres cunha intervención en verso na que viaxou entre pasado e presente da vila

09 sep 2023 . Actualizado a las 04:14 h.

Non quedaba xa moito para as doce da noite cando a cantareira María Xosé Silvar, Sés, remataba este xoves o pregón dos Milagres de Caión. Como xa adiantara en Radio Voz, optou por un discurso herdeiro da tradición, de cando estas intervencións se facían cantando, ou en verso, que foi como ela o escribiu. O seu primeiro pregón. «Sexa o primeiro e o último, ou sexa só o primeiro, sempre estarei orgullosa de que este fose nunha das vilas na que a min sinceramente me gustaría ter nacido, e qué é Caión». Pronunciou estas palabras tras unha pequena presentación de Manel Raposo, portavoz da Peña Royal, e logo das de Paco Rey, tamén integrante da comisión. Lembrou él como coñeceu a «María Xosé» había máis de vinte anos, todo vitalidade, faladuría, enerxía. «Dálle a todo, pero sobre todo ao noso», afirmou. Agradecida polo convite, o pregón de Sés viaxou entre o pasado e o presente da vila, cargado de identidade nunha terra na que, como dixo, visita e vive dende que ten acordos.

ANA GARCIA

En grande media, así foi: 

Un saúdo ás caionesas e aos caioneses tamén

e un saúdo a quen vén cada ano camiñando.

Ás que viñeron cantando, grazas por toda a alegría,

e a quen botou a homilía, grazas pola bendición.

Viva a festa de Caión e a súa romaría!

Por Marcos e Antón do Muxe

é que eu aquí hoxe vin,

da súa boca sentín anécdotas ben fermosas,

tantas historias das vosas,

de barcos e redeiras,

mariñeiros e peixeiras,

que xa non han de volver,

e de como soian ser antigamente estas festas.

Das charangas e dos xogos,

das caras enfariñadas,

das moedas agochadas

e das carreiras de sacos.

E non habendo un pataco

había toda alegría,

gaiteiros na romaría,

solteiros contra casados,

mans e brazos axuntados

toda a noite e todo o día.

Os peregrinos na ermida,

os campos dos arredores,

a todos os corredores chegaba o riso na vila.

Desde a de Esther e Pachila ata Xermaña e Goxán

desde o Outeiro ata o Chan,

Campo da Costa, A Pedreira,

e toda a parroquia enteira arrimaba algún can.

Daquelas horas dos barcos

de 200 mariñeiros

dun lote de percebeiros

de baleas e sardiñas

as mulleres, as raíñas,

que todo sabían facer.

Preparar para vender o peixe que ía chegando

cas patelas ir andando ata onde houbese de ser,

ata a Coruña descalza ía Maruja da Vichola,

pero non era ela soa, que foron tantas e tantas...

Tantas e tantas miñas santas,

tantas foron coma ela,

con cadansúa patela

cara Arteixo ou Carballo.

Non remataba o traballo

para as da vila e as da aldea

coidar da casa, ir ao jolfe,

preñarse e aleitar,

e ata coidar do gando,

se era casa de labranza.

E aínda que esta veciñanza

vivía apenas do mar,

había nalgún lugar

labradoras de labor (...)

Tantas cousas me contaron

con orgullo e con amor. 

E Diego do Serrador

tamén me falou de todo.

Non pode ser de outro modo,

querendo tanto a Caión,

que todos falen da súa valía,

da festa, da romaría e da vosa tradición.

ANA GARCIA

Aínda que se hai que falar,

e hai que falar a verdade,

sen que ninguén se me enfade,

romaría xa non a hai.

O xantar xa non se fai,

non se carga coa neveira,

non hai comida caseira

e non se trae mantel,

que agora hai moito nivel,

para andar con fiambreira.

Agora énchese a vila

e non hai unha mesa libre,

para tomar un cubalibre

hai que esperar unha hora.

Non mama nin o que chora,

porque hai máis xente que Dios!

Comer cedo é un milagre

dos Milagres de Caión.

Onde había 12 bares

quedan tres pares escasos,

e os que mandan non dan vasos

para que beba máis xente.

Xa calquera día quente

está a praia ata a bandeira,

tres mil almas nas Salseiras,

sen ser a nosa señora,

é normal que atalora

non dean feito as camareiras.

Agora hai sesión vermú

e dúas ou tres orquestras,

que han de ser máis modestas

que o Combo Dominicano,

que xa sei que aquel ano foi unha boa desfeita,

porque a praza é moi estreita

e o tráiler non daba entrado,

amenciu Caión mexado,

todo cheo de botellas.

Ao que vou, ás orquestras.

Sesión vermú, dúo ou trío,

pasarrúas, adobío,

e a mellor actuación,

a de Arume de Caión,

a do meu Paco querido.

Que bailan como é debido

e aínda tocan mellor,

danlle ao noso todo o honor,

o bo facer e o sentido.

Temos o baile galego,

o vermú e as orquestras,

e unha comisión de festas

que seica se renovou.

Aos meus oídos chegou

que seica hai unha nova formada,

que vén máis que preparada

xunto coa outra xeración,

para que volva a Caión aquela época dourada.

ANA GARCIA

Mais que ninguén pense nunca

que me sabe a pouco a festa,

que eu vila coma esta

no mundo enteiro non a vin.

E anque en Caión non nacín,

sen miramentos admito

Quero a Caión por bonito,

polo seu ser diferente,

quéroo pola súa xente

e ata lle quero a Toñito.

Non me tome a mal a broma

don Antonio Ventureira

que hoxe esta cantareira

acudiu ao seu chamado

por atento e educado

non puiden dicir que non.

Teño miles de razóns

para estar agradecida,

sentinme sempre acollida

mil gracias de corazón.

Que viva por sempre a festa

todo os que aquí cheguedes

vivan aquelas mulleres

que con amor traballaron

que coseron e coidaron

xeracións e xeracións.

Viva a xente de Caión,

un a un e unha a unha,

que non me quede ningunha

sen mandarlle admiración.

Vivan os da comisión,

redeiras e percebeiros,

que vivan os mariñeiros

e a xente que traballou.

Cada man que se arrimou,

desde o pobo e para o pobo,

os bares

o cura novo

peregríns e tradición

outra vez a comisión

e toda a xente querida

e que vivan toda a vida os Milagres de Caión!