Para rirse de flipados... que mellor que fliparse! 

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Oswaldo Digón chega hoxe ao Festival de Humor da Laracha con Rafa Durán e  a comedia «Coaches de choque»: «En Bergantiños non traballo a gusto, senón súper a gusto, son moi feliz aí», di o humorista

12 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa da Cultura da Laracha acollerá esta noite (22.00 horas) a segunda das sesións do noveno Festival de Humor. Subirán ao escenario Oswaldo Digón e Rafa Durán, con Coaches de choque. Chegan envoltos de éxito, en tanto que xa esgotaron entradas hai días. Fala Oswaldo Digón (Cervantes, Os Ancares, 1975).

—«Coaches de choque» esgotou entradas. Que é o que traen?

Coaches de choque é unha divertidísima comedia improvisada. A esencia do espectáculo é rirnos un pouco, de nós mesmos, pero tamén dos vendedores de fume que hai no ámbito dos coaches, agora tan de moda. Si, hainos boísimos, profesionais, pero logo están eses outros que só repiten mantras a modo de telepredicadores. Partindo deses personaxes tan vidos arriba, tan entregados e tan a tope xurdiu a idea deste espectáculo que fago cun gran improvisador, Rafa Durán. No escenario somos dous coaches que ofrecen unha megacharla na que amosan a súa falta de talento, pero flipándose moito, empregando a improvisación para desenvolver a súa terapia de choque en canto ao mundo emocional. Dos flipados rímonos moito, e os primeiros nós mesmos. Hai unha presentación, e unha estrutura teatral, pero o groso das partes son catro exercicios de improvisación que facemos inspirándonos nas emocións e nos detonantes que nos dá o propio público presente.

—Menudo risco, non?

—Si, un risco, pero un risco marabilloso. Forma parte da exclusividade do noso espectáculo, é único e irrepetible. Poderiamos facer dous pases e serían distintos. A diversión e o bo rollo é o único que permanece na peza.

—Como lles está indo?

—Estreamos Coaches de choque o pasado Xoves Santo na sala Mardi Gras da Coruña, e ao día seguinte estivemos na sala Sinatra de Vigo. Esta da Laracha será a terceira función, pero levamos unhas sensacións moi chulas. É un espectáculo que vai crecendo en escena. Nós no escenario pasámolo moi ben, e o público abaixo vemos que tamén.

—Cre que o humor cobrou máis importancia a raíz do covid?

—Sempre o foi, pero igual agora o valoramos máis. Non só o humor, senón o presente. A risa é súper necesaria e, o humor, creo, a mellor das ferramentas para dicir e contar calquera cousa.

—Xa traballara con Durán?

—Coñeciámonos e tiñamos relación, pero esta é a primeira vez que nos xuntamos para traballar xuntos. Con el trabállase moi ben, é moi xeneroso en escena, cun talento incrible como improvisador e como persoa, e por riba guapo! Que hai que dicilo...

—Vostede xa coñece ben Bergantiños. Un rostro asiduo á Rúa dos Contos do FIOT...

—Para min é un luxo estar aí, sempre llo digo á organización cando vou ao FIOT. Poder pasar aí esas xornadas, que conten contigo para o teu espectáculo, xa sexa como contacontos ou cunha obra de teatro... Tamén na Laracha teño estado algunha vez, e séntese o cariño da xente: de verdade que, aínda non sendo famoso como o son outros contadores, recibo moitísimo, un cariño inmenso. En Bergantiños non é que traballe a gusto, é que traballo súper a gusto. Son moi feliz aí.

MARCOS CREO

—Moita xente saiu encantada dalgún bolo seu en Carballo cando aínda non era tan coñecido.

—Pois moitas grazas! Eu só procuro traballar dende a honestidade, dalo todo cando me subo a un escenario, sexa cal sexa, non entendo a comedia doutra forma. Ese público reservou parte do seu tempo para verte, ao mellor tivo que deixar aos nenos con alguén, ou o coche no párking, e pagar!

—Que máis ten entre mans?

Acabo de estrear no EMHU, no Encontro Mundial de Humorismo da Coruña, que dirixe Luis Piedrahita, o meu novo espectáculo, Ansia viva. É comedia, é stand up, pero tamén improvisación e música en directo. Un gran marco para estrear, estou moi feliz.

—É fortuna traballar na terra?

—Está clarísimo. Fortuna é a palabra, e ademais fortuna con luces de neón. Traballei moitos anos en Barcelona, Madrid... pero aquí... vivimos nun sitio marabilloso, cunha esencia tan chula... O que vén e non se inspira é porque non ten sangue no corpo [ri].

El 19 de mayo, David Navarro

Son más de 20 años de trayectoria los del jienense David Navarro, el siguiente invitado del Festival de Humor da Laracha: viernes 19, 22.00 horas. «Vuelvo a tierras galegas. Hace años que no he estado y por fin vuelvo», anunció. Las entradas (5 euros) están a la venta en el Concello.