O Arousa busca ante o Paiosaco tirar da corda que o separa do líder

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A LARACHA

MONICA IRAGO

Afronta un esixente choque a unha semana de recibir o Fabril

22 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Equivocariámonos gravemente se pensamos que vai ser un partido fácil». O adestrador do Arousa, Luisito Míguez, advertía na véspera da grande esixencia que vai supoñer para o cadro vilagarcián a visita esta tarde ao campo do Paiosaco (17 horas). Un aviso que sorprenderá a moitos dos que boten unha ollada á clasificación da Terceira RFEF e vexan a dous rivais nas antípodas. O Arousa, segundo con 30 puntos; o seu anfitrión, penúltimo con 12.

Luisito lembra o moito que lle custou ao Arousa dobregar o Paiosaco na Lomba na segunda xornada, 1-0. Porque, sinala, é: «Un equipo que sempre está en partido, que perde por erros individuais. Tacticamente está moi ben traballado e é súper solidario».

Xogar coa máxima concentración todo o encontro e «ser nós mesmos» é a receita do técnico para saír airosos hoxe dun choque especialmente importante. E é que dentro de sete días o Arousa recibirá o líder, Deportivo-Fabril. De aí que a vitoria sobre o Paiosaco resulte fundamental para, se non recortar os 5 puntos de diferenza, en función do que aconteza hoxe entre o filial e o Alondras en Cangas, a lo menos non perder máis comba antes do último enfrontamento directo entre os hoxe favoritos ao título e ao ascenso.

Sen Fajardo, Luisito pode convocar xa esta tarde o central arxentino Nacho Carús. Do reforzo invernal o técnico recoñece que non figuraba entre as súas primeiras eleccións: «En Galicia non fomos quen de atopar un central, porque os de Segunda RFEF non querían baixar. Tiñamos dous practicamente pechados e lesionáronse. Quedaba este rapaz. Vén axudar, e se merece xogar, xogará, pero xa sabe que competir con Martín e con Pacheco non é para nada fácil».