Carta aberta a Valentín González Formoso

José Manuel López TRIBUNA ABERTA

A LARACHA

Cando o presidente da Deputación da Coruña declara que na Laracha se trafica cos servizos sociais está a saltar sobre as liñas vermellas sen ningún tipo de pudor

17 ene 2023 . Actualizado a las 15:20 h.

No Concello da Laracha a protección social é un dereito consolidado dos cidadáns que ano a ano se reforza con máis iniciativas e maior dotación orzamentaria. Nos presupostos de 2023, practicamente un de cada catro euros teñen por finalidade o financiamento dos servizos sociais e a promoción do emprego.

É un orgullo contar na Laracha con dúas instalacións públicas como o centro de día e a residencia para maiores e a escola infantil, e con centros sociais nas tres vilas. Tamén o é que o Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha obtivese recoñecementos de ámbito nacional. E estamos moi satisfeitos do funcionamento do servizo de axuda no fogar, de xantar na casa, do programa de educación familiar, do servizo de atención temperá, das actividades de envellecemento activo, do Centro de Información ás Mulleres e doutras moitas iniciativas municipais que están consolidadas no Concello para mellorar a vida dos cidadáns, especialmente dos colectivos máis vulnerables.

Eses programas que están a disposición dos nosos veciños teñen unhas condicións de acceso reguladas por ordenanzas, obxectivas e suxeitas aos informes dos funcionarios e do persoal laboral do departamento de servizos sociais que, como non podía ser doutro xeito, se cumpren dun xeito escrupuloso.

Cando o señor Valentín González Formoso declara que na Laracha se trafica cos servizos sociais non é que estea a cruzar liñas vermellas, é que está a saltar sobre elas sen ningún tipo de pudor.

Ao tratarse do presidente da Deputación da Coruña e do alcalde do Concello das Pontes, descarto que descoñeza como é o funcionamento e o modo de acceso aos servizos sociais municipais, e o lonxe que iso está da xenerosidade dun rexedor, como el mesmo afirma.

Como alcalde da Laracha considero intolerable que o presidente da Deputación se atreva a poñer en dúbida de tal xeito o funcionamento dos servizos sociais municipais e, por tanto, a profesionalidade do persoal adscrito a ese departamento, que realiza día a día un labor extraordinario para aumentar o benestar e a calidade de vida dos nosos veciños sen ningún tipo de inxerencia política. Síntome especialmente orgulloso do seu traballo, e non podo consentir que se difundan en público sobre el informacións falsas, irreais e infundadas.

O señor González Formoso debe comprender que non todo vale por moito que estea falando para a súa xente nun mitin propagandístico do partido do que é secretario xeral. É moi grave poñer en tela de xuízo ante a opinión pública o exemplar funcionamento dos servizos sociais do Concello da Laracha, e máis aínda se quen o fai é tamén alcalde e o presidente da Deputación da Coruña, que debería estar en todo momento á altura dos seus cargos e mostrar un mínimo de decoro e de lealdade institucional co resto de administracións.

Señor González Formoso, lamento que o único que fixese na súa visita á Laracha fose difundir bulos en vez de propoñer iniciativas para mellorar o noso municipio. E ínstolle a que recapacite, a que sexa responsable, a que rectifique e a que pida desculpas por unhas declaracións sobre o Concello da Laracha que distan moito da realidade e do que pode agardarse do presidente da Deputación da Coruña.

Alcalde da Laracha.