Juan Páramo: «O día da Bicicleta da Laracha é unha iniciativa moi boa para todos»

CLAUDIA TABOADA / S.G. CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

ANA GARCIA

O club ciclista Laracha en Dúas Rodas participará na cita deste domingo, organizada polo Concello e promovida por La Voz e Radio Voz

10 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo volverá o Día da Bicicleta da Laracha, organizado polo Concello e promovido por La Voz de Galicia e Radio Voz. Regresa polos lugares habituais: saída da Praza do Concello da Laracha ás 11.00 con rumbo a Paiosaco, unha parada despois do Monte da Estrela e a chegada a Caión. Desde as 9.30 estará aberto o consistorio para as inscricións ese mesmo día. Alí estará o club ciclista Laracha en Dúas Rodas. O seu presidente, Juan Páramo, falou onte en Radiovoz.

—Patricia Bello, a concelleira de deporte da Laracha, comenta que a ruta é sinxela. Hai algunha costa?

—Si. A pendente da Estrela sempre lle custa a alguén, pero hai que facelo. Aínda que non sexa pedaleando, se é andando, faise tamén.

—Este evento non é competitivo, xa que reúne a familiares, amigos… Cada un pode ir ao seu ritmo.

—É unha moi boa iniciativa para todos porque, a parte de ter un carácter amistoso, faiche ver o mundo da bicicleta doutra forma, sen a competición.

—No seu club fan actividades moitas veces ou só ocasionalmente?

—Saímos polas fins de semana, os sábados e domingos. Ademais, os socios temos un grupo de WhatsApp polo que falamos para quedar algún que outro día. Facemos tamén algún tramo do Camiño de Santiago e o 25 de setembro teremos a marcha polas cabeceiras do Anllóns, que tamén é unha ruta fermosa.

—É un deporte moi accesible. Vostede mesmo xa leva moitos anos pedaleando, non?

—Sí. Cada vez que saio coa bicicleta esquécenseme todos os problemas da vida diaria e gozo cos compañeiros. Coa bicicleta hai que ser moi constante para non sufrir enriba dela, pero ao final dáche a súa recompensa.