Patricia Bello, concelleira: «Retomamos o Día da Bicicleta da Laracha con moitas ganas»

Claudia Taboada / S.G. CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

BASILIO BELLO

Despois de tres anos, volve a cita deportiva ao municipio larachés co apoio de Radio Voz e La Voz de Galicia

09 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este verán están volvendo os actos importantes da zona. Polo tanto, tamén unha das citas multitudinarias da Laracha. O domingo que vén será o Día da Bicicleta, organizado polo Concello da Laracha e promovido por Radio Voz e La Voz de Galicia. Patricia Bello, a concelleira de Deporte, define a edición deste ano e desglosa o programa.

—Utilizarán a receita de sempre ou haberá cambios?

—Imos manter o formato que tiñamos. Levamos tres anos de parón, e retomámolo con moitas ganas. O percorrido será o mesmo: sairase da Praza do Concello da Laracha ás 11.00, iremos rumbo a Paiosaco e remataremos en Caión. Para volver, se algúns participantes están cansos poderán volver no bus que facilitamos, e ofreceremos tamén servizo de transporte para as bicicletas.

—Será necesario inscribirse de forma previa?

—As inscricións serán no propio día. Abrimos o Concello de 9.30 a 11.00 para que todo aquel que queira participar poida achegarse para apuntarse.

—Farán algunha parada durante a ruta?

—Faremos unha entre Paiosaco e Caión, ao pasar o Monte da Estrela, para tomar unha auga e descansar un pouco.

—E rematará a ruta na Praza de Caión.

—Así é. Alí chegaremos xa todos xuntos e acabaremos co habitual sorteo. Se fai bo día, dende alí poderase ver a parte máis bonita do percorrido, especialmente pola última baixada co mar de fondo.

—Como será o sorteo?

Sortearemos unha bicicleta como todos os anos, pero incluímos algunha cousiña máis.

—É un percorrido difícil?

—Para nada, é apto para todos: nenos, adultos... Non fai falta ser un deportista que estea na bicicleta todos os días. Imos a un paso moi lixeiro, facemos paradas e descansos para agrupar...

—A participación é gratuíta. Pero, hai algunha regra obrigatoria?

—É imprescindible levar casco, polo ben dun mesmo e para cumprir coas normas. É o único necesario.

— Irá vostede en bicicleta tamén, como concelleira?

—Sí, claro! É moi bonito poder participar dende dentro. Vívese a experiencia doutra maneira, vívese mellor.