José Manuel López, alcalde da Laracha: «Logramos que a xente non só traballe na Laracha, senón que viva na Laracha»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

BASILIO BELLO

BALANCE DO ECUADOR DO MANDATO | «Estamos nos 11.500 veciños censados, cen máis que antes da pandemia», di o rexedor (PP). Así fala el e así fala a oposición destes dous primeiros anos logo das eleccións municipais

30 may 2021 . Actualizado a las 17:16 h.

José Manuel López Varela (A Laracha, 1961) é concelleiro na Laracha dende 1987 e alcalde dende 1999. Afronta, polo tanto, o seu sexto mandato consecutivo. Estes dous últimos anos estiveron marcados, sen dúbida, polo covid-19.

-Que balance fai deste ecuador de mandato municipal?

-Tivemos que adaptarnos á nova realidade, unha nova situación económica, social, política e institucional. Ademais do traballo programado houbo que actuar para mitigar os efectos da pandemia e axudar aos sectores máis afectados.

-Quedoulle algo no tinteiro con isto da crise sanitaria?

-Houbo que priorizar, pero tampouco deixamos de lado outras cuestións, toda vez que A Laracha ten 311 núcleos de poboación e máis de 600 quilómetros de estradas. Os servizos houbo que mantelos e, incluso, potencialos. O de axuda no fogar foi o que máis creceu durante a pandemia, tanto en persoas contratadas como en orzamento. Estamos a falar dunha partida anual dun millón de euros.

-Parece que este mandato é o da humanización.

-Trátase de mellorar a calidade de vida dos veciños, de garantir a seguridade e de reorientar o tráfico rodado con rúas de sentido único, de ampliar o mobiliario urbano, de facer dos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión lugares de ocio e lecer, de mellorar os accesos aos centros educativos, como ao Agra de Leborís e o Otero Pedrayo, de ampliar a rede de sendas, de crear e mellorar as zonas verdes. Neste mandato abriremos seis novas rutas de sendeirismo. A humanización é un proceso lóxico tendo en contra que A Laracha é un dos concellos no que cada ano crece en volume de poboación. Falamos de 11.500 residentes, cen máis que antes da pandemia.

José Manuel López Varela, alcalde de A Laracha
José Manuel López Varela, alcalde de A Laracha BASILIO BELLO

-E estes datos que lle din?

-Logramos que a xente non só traballe na Laracha, senón que viva na Laracha.

-Que se lle ofrece a esta poboación que quere botar raíces na Laracha?

-Centros educativos, cinco polideportivos, dous campos de fútbol de herba sintética, zonas verdes, cascos urbanos humanizados, estradas limpas e adecentadas, un polígono que non para de crecer co 80?% das parcelas vendidas e no que xa estamos estudando unha ampliación, un centro de saúde renovado e ampliado, centro de día, fogar residencial, escola infantil, un centro de información á muller, unha piscina municipal con todos os servizos, somos un Concello coas taxas e impostos municipais máis baixos de toda a contorna... Ofrecemos máis servizos para facer á xente a vida máis cómoda.

«O centro sociocomunitario e a eficiencia enerxética lévanse os maiores investimentos»

O alcalde da Laracha cre que non todo foi facer fronte á pandemia.

-Que destacaría fóra do que ten que ver co covid-19?

-O centro sociocomunitario de Caión e o plan de eficiencia enerxética lévanse os maiores investimentos: 1,2 millóns de euros cada proxecto.

-Cando abrirá o centro sociocomunitario de Caión?

-En breve quedará listo e procederase á súa inauguración. Por certo, tamén neste tramo de Caión levouse a cabo un plan de humanización para facer deste entorno da Insua un lugar de lecer e de ocio.

-O goberno sempre presumiu de boa xestión económica. Resentiuse o orzamento cos investimentos e gastos que tiveron que asumir por culpa da pandemia?

-Non. Actuamos con rigor e só incrementamos aquelas partidas imprescindibles porque a situación así o requiriu. A peche de 2020 acadamos un orzamento de máis de 16 millóns de euros, cun remanente acumulado de algo más de tres millóns. Non temos débedas pendentes, estamos ao día nos pagos e ofrecemos máis servizos sen que iso supoña un maior custe aos veciños.

-A finais do anterior mandato anunciou un plan para recuperar o patrimonio megalítico.

-E niso estamos. Se todo marcha segundo o previsto, este verán iniciaremos as escavacións no castro de Montes Claros. E tamén, en breve, será de titularidade municipal os terreos nos que se atopa o menhir de Erboedo.

Ana García

«Este goberno do PP non tivo en conta aos partidos da oposición para facer fronte ao covid»

Palomi Rodríguez Castiñeira (A Laracha, 1971) foi concelleira do PSOE entre o 2007 e o 2011 e en maio regresou á vida política municipal como voceira do Partido Socialista. A súa valoración destes dous anos de xestión do PP é que non poden ser más negativos, segundo ela. «Dende que comezou a pandemia o PSOE, e a oposición en xeral, adoptamos unha actitude de responsabilidade, de lealdade institucional co Concello, construtiva e con propostas». E engadiu: «O PP da Laracha nunca se interesou polas nosas propostas e fixemos moitas durante estes dous últimos anos. O noso obxectivo era, e é, colaborar, axudar onde faga falla, pero nin iso nos deixaron facer. Levamos vinte medidas encamiñadas á recuperación económica, social, sanitaria... Do Concello da Laracha, pero non se nos tivo en conta en ningún momento». E argumentou: «Creouse unha comisión de seguimento do covid, á que non fomos convidados a participar nunca. Si, pasounos algunha acta das xuntanzas, pero pouco máis. Creo que a situación requiría do apoio de todos e a nosa lealdade non se viu recompensada por ningún lado», lamentou a voceira.

Tendo claro que «a pandemia marcará todo o mandato», Palomi Rodríguez considera que a xestión do goberno «é mala» ata o de agora: «Antes da crise sanitaria o alcalde, José Manuel López Varela, non tiña un proxecto de futuro para o pobo da Laracha. E agora, unha vez que a grave situación sanitaria parece remitir, tampouco». E esgrimiu: «Un proxecto de futuro non consiste en xestionar fondos doutras Administracións, chámese Deputación, Xunta ou Goberno central. Trátase de crear un programa propio, unha proposta de que A Laracha se quere para o futuro a medio e longo prazo. E iso non se acadou ata o de agora. Un goberno ten que ser creativo e pensar nas persoas, e o da Laracha non fai nada diso», indicou.

Ana García

«Este plan de humanización é unha copia do modelo de Carballo»

Xoán Manoel Sande Muñiz (A Laracha, 1970) é afiliado ao BNG dende 1994 e concelleiro dende 2003. E insiste en cualificar estes dous primeiros anos de goberno do PP de «continuístas». E engadiu: «E continuísta dende que José Manuel López Varela entrou na política».  Segundo el, unha parte moi importante das propostas do PP da Laracha son ideas doutros: «O do viveiro de empresas foi unha iniciativa que o BNG incluíu no seu programa electoral do 2011. O PP dixo que non a ese viveiro de empresas e logo cando o puxo en marcha vendeuno como algo propio», apuntou Sande, quen engadiu: «O mesmo pódese dicir do plan de humanización nos cascos urbanos. É unha copia do que o BNG leva anos impulsando en Carballo. O que fai o goberno da Laracha é un seguidismo do de Carballo. Como a área canina ou a pista de skate. Son todos proxectos importados». Sande Muñiz tamén lamentou que o PP non tivera en conta ao PSOE e o BNG nas propostas para facer fronte á pandemia: «Crearon unha comisión de seguimento do covid, á que nunca fomos convidados e na que nunca se tiveron en conta as nosas propostas, que as tivemos».