Concurso e espectáculos infantís polas Letras Galegas na Laracha

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Caxoto Contacontos
Caxoto Contacontos Ana Garcia

O Concello impulsa neste mes de maio un certame de marcapáxinas para nenos de 6 a 12 anos

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Público infantil e familiar terá moito que facer no mes de maio en A Laracha. O Concello deu a coñecer este sábado a programación en torno ao 17, Día das Letras Galegas, dedicado neste 2021 a Xela Arias. Destaca o consistorio que a iniciativa máis novidosa pasa pola convocatoria dun concurso de marcapáxinas, no que están convidados a participar todos os nenos de entre 6 e 12 anos. «As elaboracións deben ser dun tamaño de vinte centímetros de alto e seis centímetros de ancho e, preferentemente, feitas en cartolina. Poden presentarse ata o 14 de maio en calquera das bibliotecas municipais (A Laracha, Paiosaco e Caión)», informan. Haberá dúas categorías de premios, unha de primeiro a terceiro de primaria e outra de cuarto a sexto: en cada unha, dous premios, compostos por lotes de libros ou material didáctico. Ademais, os dous traballos de cada categoría mellor valorados polo xurado serán editados polo Concello e distribuídos como os marcapáxinas oficiais da rede de bibliotecas municipais, algo que outros concellos da zona xa veñen facendo dende hai uns anos, caso de Zas, que tamén deu a coñecer a súa programación para o Mes das Letras este venres.  

Polo demais, haberá na Laracha varios espectáculos infantís, todos eles suxeitos ás medidas sanitarias por covid que establezan as autoridades:

 Caxoto e «Xeliña»

Venres 14 de maio • A primeira parada será no CEIP de Caión, a partir das 17.00 horas. Ata alí se achegará Caxoto Contacontos coa proposta Xeliña fala galego, para nenos de máis de seis anos.

Trémola Teatro e bebés

Domingo 16 de maio • Desta volta, será na Casa da Cultura da capital municipal, A Laracha. Proposta para bebés a partir de seis meses e nenos de ata catro anos. Para eles actuará ás 12.00 horas Trémola Teatro, con Brilla Brilla.

Culturactiva e Rosalía

Luns 17 de maio • De novo na Casa da Cultura, neste día grande das Letras chegará o espectáculo teatral Rosalía, da man de Culturactiva. Unha peza centrada na infancia da poeta que vai dirixida a público infantil e familiar. Está previsto para as 18.00.

Taller con Carmen Conde

Martes 18 de maio • Fin do programa, cun obradoiro ás 17.30 horas a cargo de Carmen Conde. Narración oral para nenos de 3 a 12 anos.