Ana Aldao, directora del CIM de A Laracha:«No confinamento enviamos a mulleres en risco a hoteis»

Caterina Devesa CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Ana Garcia

Leva máis de 14 anos traballando con vítimas de violencia de xénero: «A denuncia só é a punta do iceberg»

25 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de que se constituíse formalmente o Centro de Información á Muller larachés no 2005, Ana Aldao (A Laracha, 1968) xa levaba moitos anos traballando con mulleres en situacións de vulnerabilidade, dende 1996. Un labor complicado e diario que practica ao longo do ano, pero que hoxe, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, ten unha maior, e necesaria, visibilidade.

-Por que é importante o 25N?

-Porque hai que dar visibilidade a violencia de xénero, se non se ve, parece que non existe. O 25 de novembro son todos os días, pero este día, ou arredor desta xornada, facemos actos máis especiais para sensibilizar á poboación e que todos se impliquen nesta loita que é común.

-Hai un perfil de maltratada?

-Non, non existe un perfil. Podemos ser todas as mulleres.

-Pero os maltratadores si comparten certas características?

-Si, non se pode xeneralizar, pero si hai rasgos típicos de personalidade que resultan comúns. Por exemplo, soen ser persoas excesivamente celosas, controladoras, inseguras... e que socialmente resultan bastante encantadores. Por iso, logo, cando sucede algo, a xente achegada di iso de ‘como é posible, se era encantador'. Eu destaco a importancia dos indicios. É moi importante estar á alerta cando coñecemos a alguén, non vas escrutar todo o seu comportamento, pero hai certas cousas que nos poden levar a levantar sospeitas.

-Qué é maltrato?

-O maltrato vai máis alá da labazada. Todo maltrato é psicolóxico, pero non sempre acaba sendo tamén físico. Hai distintas etapas, pero sempre comeza dese modo. É máis sutil, máis difícil de identificar e de denunciar, porque, claro, dáse na intimidade, non hai testemuñas. Cando se pechan as portas dun domicilio, o que pasa dentro só o saben os que viven aí.

-Ás veces non hai violencia física, dificulta a denuncia?.

-Eu parto da base de que non se pode entender a mente dunha muller que recibe maltrato sen ter en conta que se trata dunha persoa sometida e anulada ao longo no tempo e, ás veces, dunha muller que leva sufrindo moitos anos ese maltrato. Só tendo iso en conta podemos chegar a entender o que lle pasa e porque non se decide a denunciar.

-Moitas non o fan.

-A denuncia é a punta do iceberg, pero abaixo hai moitas mulleres que non o fan por medo, porque están sometidas e anuladas dende hai moito tempo. Levan anos escoitando que no valen para nada, que son elas as culpables de que lles pase iso, é efectivamente, elas o cren. Moitas carecen de apoio no entorno, dos propios familiares. A violencia de xénero ten unha casuística moi diversa que non se pode xeneralizar. Eu teño escoitado iso de ‘maltrátana porque quere porque senón ela marcharía da casa'. Non podo con iso.

-Que pasa tras denunciar?

-A denuncia é unha fase máis do longo camiño. A primeira fase, quizais, sexa a de concienciación. Despois vé n todo o resto, que é moito, estabilizar emocionalmente a esa muller, procurarlle uns ingresos, que non ten en moitos casos, unha vivenda... en definitiva, unha atención integral. Precisa sentirse segura e apoiada, se non lle ofreces algo distinto ó que tiña, volve co agresor.

-O confinamento agudizou o problema do maltrato?

-Vivimos situacións moi complicadas. Eu estaba todo o día atendendo chamadas, pero os casos máis graves, atendíaos persoalmente. Puxemos en marcha estratexias para se, por exemplo, non podían chamar, falasen coa xente do súper aos que ían, alertasen a través da aplicación Alertcops, etc. Pero, sobre todo, ao comezo, foi difícil. En casos de persoas que tiñan que ir a casas de acollida e non se podía porque non recibían xente pola pandemia, tivemos que envialas a hoteis cos seus fillos, con menores. Non é a mellor situación, pero era a única vía.

-Que idades predominan entra as mulleres que acoden ao CIM?

-Hai de todo, pero a franxa máis común vai dende os 25 até os 50.

-Co uso das redes sociais danse condutas de control á parella. Imos cara atrás?

-Quero pensar que non, porque hai moitísima información e moitos programas de educación nos centros escolares. Quizais, agora, estamos moito máis atentos. Evidentemente tamén hai violencia nas redes. Tamén está o ciber acoso, o sexo por redes e a utilización desas imaxes como chantaxe, son unha nova forma de violencia que non podemos obviar. Quizais á xente nova lle custa máis identificar que son vítimas. É difícil darse conta de que a persoa da que estas namorada é un maltratador, para chegar aí hai que facer unha reflexión moi profunda.

-Que sentes ao escoitar aos políticos de Vox dicir que as asociacións de mulleres maltratadas son ‘chiringuitos feministas'?

-Dóeme oír iso. É como se me deran nese puntiño emocional e profesional. Alguén que di iso non ten ni idea do que é a violencia de xénero. Dino por ignorancia e por captar votos, porque lamentablemente hai persoas, espero que poucas, que pensan iso.