Héctor Pena: «Creo que hai vimbios para saír de aí abaixo»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

ANA GARCÍA

O adestrador do Laracha logrou varios éxitos en distintos equipos

10 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Héctor Pena García naceu en Carballo no ano 1974, criouse en Baldaio e agora vive na Coruña. Nestes momentos non tiña equipo, xa que a finais da pasada tempada decidiu desconectar un pouco do fútbol para dedicarse máis ao seu traballo e á súa familia. Con todo, xa tiña ganas de volver e agora atopouse co que el define como «unha oportunidade».

-Como recibe a oferta e como a toma?

-A finais da semana pasada chegoume que as cousas non andaban ben no Laracha, que os resultados non eran bos, e que seguramente decidiran darlle un cambio. Chamoume Canito [o presidente], e para min non deixa de ser unha oportunidade, un equipo histórico e tamén moi próximo. Teño familia na Laracha. Afronto o proxecto con moita ilusión.

-Cal é a súa traxectoria como adestrador?

-Nos últimos anos estiven adestrando ó Maravillas, en Segunda Galicia, co que conseguín un ascenso a Primeira histórico para o club. Tamén estiven no Montañeros, de Liga Galega Xuvenil, onde me chamaron a falta de nove xornadas, cando estaban descendidos, e conseguimos facer 21 de 27 puntos e salvar ó equipo. Máis recentemente, no San Tirso, logramos ascender o primeiro ano de Primeira a Preferente e, na tempada seguinte, firmamos a permanencia. A campaña pasada no Brexo Lema, conseguiuse o obxectivo de sentar o conxunto en Primeira Galicia.

-Con eses logros ás costas, Canito debeu ver en vostede o perfil perfecto para sacar ó Laracha do fondo da táboa no que está sumido.

-É indubidable que o Laracha non merece nin pode estar aí abaixo. Por traballo, ilusión e esforzo, non vai quedar aí. Cremos que hai vimbios para saír de aí abaixo. A esa situación chégase por algo. Non sabemos os motivos, pero estamos convencidos de que imos sacar o proxecto adiante.

-Fala en plural.

-Si, refírome a Javi Fuentes, persoa coa que gardo amizade dende que coincidimos no Deportivo, como xogadores, nas categorías de infantil e xuvenil.

-Vostede tamén foi futbolista, entón.

-Si, pero retireime moi novo [ri].

-Tivo algún contacto cos xogadores antes do luns?

-Si, falei con varios que xa coñezo por isto de que o mundo do fútbol é moi pequeno. Pregunteille inquietudes, que estaba pasando, como o vían eles... Pero agora, máis que falar hai que traballar duro para preparar o seguinte partido, que non será doado.

-Ademais da baixa do capitán, Iván Martínez, por lesión de larga duración, cónstalle algunha máis?

-A de Denís, pois quédalle aínda por cumprir un partido de suspensión por sanción e, a priori, ningunha máis. Teño que ver en que estado físico están o resto.

-O domingo teñen un derbi comarcal no campo do Sofán. Chegará o Laracha de Héctor e Javi Fuentes a tempo?

-Será especial porque é a miña zona. Xa o foi cando puiden enfrontarme a eles no San Tirso. Quen mellor rival para comezar a camiñar? O Sofán xa leva uns anos consolidándose en Preferente. E aínda que agora non está nunha boa dinámica, sei que é un equipo duro nun campo con características especiais. Iremos con toda a ilusión e traballaremos para ganar, sabendo da dificultade de gañar calquera partido da categoría.