O excatedrático José Manuel Caamaño recibiu sepultura no cemiterio de Lendo

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

A LARACHA

ANA GARCIA

Era especialista en arqueoloxía clásica

09 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia vén de perder a outro dos seus referentes no eido da arqueoloxía. Ao adeus nos últimos anos de especialistas como José Ramil, Fernando Acuña ou Luis Monteaguado, sumouse antonte José Manuel Caamaño Gesto, profesor xubilado de arqueoloxía na Facultade de Xeografía e Historia da USC. Onte recibiu sepultura no cemiterio parroquial de San Xulián de Lendo, en A Laracha, de onde era natural.

Caamaño deixa dous fillos, Olaia e Gonzalo e moitos compañeiros na arqueoloxía, amigos e discípulos. Xosé María Bello . expresou onte o seu pesar pola perda, así como moitos outros arqueólogos galegos.

El estaba especializado en arqueoloxía clásica, con fondos coñecementos do mundo romano, deixou o seu saber sobre os campamentos e as calzadas desa época en diversas publicacións. Da súa autoría tamén son seis tomos de A gran historia de Galicia, a enciclopedia distribuída hai unha década por La Voz. Caamaño tamén deixou pegada en Sobrado dos Monxes, onde dirixiu dende a década dos 80 ata mediados dos 90 as escavacións arqueolóxicas no campamento romano da Ciadella. Alí o coñeceu sendo estudante o arqueólogo melidense Xurxo Broz, quen o lembra como un home «didáctico e afable». Igual recordo ten unha antiga alumna, Cristina Vázquez Neira, arqueóloga do museo de Melide, dende o que expresaron o seu pesar polo pasamento. Caamaño Gesto, nado na Laracha, tiña 73 anos de idade.