Milagres de tradición con Arume de Caión: un domingo de música e baile

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

¡INCLÚE ÁLBUM! As formacións da entidade, dende os máis novos aos sénior, ofreceron todo un espectáculo na Praza

10 sep 2019 . Actualizado a las 16:31 h.

En torno a hora e vinte de actuación ofreceron na tarde do domingo os grupos de Arume de Caión: Os Petiscos (os máis pequenos), Cantareiras d’Atalaia, Os Pescos (cantareiros) e o grupo de música e baile tradicional de Arume propiamente dito, o grupo de danza sénior. «Xogar na casa sempre é agradable», valoraba onte Esteban Blanco, presidente da entidade e bailador. Víronse rodeados de moita xente, «penso que cada ano máis», e observan como os veciños quedan contentos con estas exhibicións: «Traballamos para nós e para a nosa xente». Dentro da entidade, cunhas setenta persoas integrantes, teñen case familias enteiras. Están contentos co que fan: «Dentro da nosa humildade, creo que imos dignificando isto, a música e o baile tradicional». Trabállano, asumen un completo repertorio de música e baile e fan fincapé no aspecto coreográfico e na posta en escena: «Todo suma». Os comentarios son bos e a traxectoria ampáraos: «Antes tiñamos na entidade só xente de aquí, de Caión, pero agora temos cada vez máis demanda de Arteixo, A Laracha... Imos facendo actuacións, a xente venos, gústalle e di que quere facer isto».