David Castro: «Xa non queda nada para estrearnos en competición»

verónica couto / m. r. CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

BASILIO BELLO

O novo técnico carballés asegura ter as portas abertas para todas aquelas mozas que queiran unirse ó equipo feminino de fútbol 11 do Paiosaco

08 jul 2019 . Actualizado a las 18:52 h.

O fútbol de Bergantiños está de celebración. Cada vez son máis os clubs que apostan polo fútbol feminino. O Paiosaco é un deles e, ademais, farao por partida dobre, pois a próxima tempada non só contará cun equipo integramente formado por xogadoras senón que con dous. Ademais, un dos adestradores será un mozo da comarca como é David Castro (Carballo, 1991).

-Que nos conta deste novo proxecto?

-O club verdibranco aposta polo fútbol feminino cun proxecto que me chamou moito a atención, por iso decidín regresar aos banquiños. Eu dirixirei o conxunto de fútbol 11, mentres que o de fútbol 8 aínda está por decidir.

-Esta iniciativa saíu agora á luz, pero é algo no que xa se leva traballando hai tempo, non si?

-Si, a entidade levaba varios anos mirando de facelo porque tiña un volume de nenas bastante importante, pese a estar comezando, e agora, parece que vai collendo forma.

-Por que agora?

-Un pouco polo que comentei antes, mais por unhas xornadas de tecnificación que fixeron con varias rapazas que parecía que se querían animar a xogar co Paiosaco. Decidiron dalo paso porque viron que era factible.

-En que categorías competirán?

-O equipo de fútbol 11 competirá en Segunda Autonómica, mentres que o outro, na liga de fútbol 8, imaxino que no grupo da Coruña, pois sería o máis lóxico por proximidade.

-Como van os preparativos? Porque houbo que comezar de cero.

-No caso do conxunto que vou dirixir eu, estrearémonos en competición o 1 de agosto, na Copa Deputación. Por iso, comezaremos a pretempada o día 19 deste mes. Levamos dende principios de xuño traballando e xa non queda nada para comezar.

-O grupo está completo xa?

-Como sempre digo, as portas están abertas para todo o mundo; non se lle pechan a ninguén. Cada rapaza que queira poñer o seu gran de area pode facelo. Pero si que é certo que hai algunha incorporación con respecto ás que xa estaban no club. Dende aquí, aproveito para animar a aquelas mozas que teñen ganas de xogar con outras rapazas pero que nunca se atreveron a dar o paso, xa que por desgraza, aínda existen casos. A parte, que é unha oportunidade inmellorable, pois aquelas que non poidan xogar en fútbol 11, farano en fútbol 8.

-A maioría das xogadoras son da zona?

-Si, basicamente porque móveste nunha zona moi reducida e nun mercado moi pequeno, xa que por desgraza o fútbol feminino aínda non é algo habitual. Temos nenas que hai tempo xogaron no equipo mixto pero que o deixaran ao non haber conxunto feminino, e que agora decidiron retomar a súa carreira futbolística por esta iniciativa.

-Falamos de deporte, pero isto é un movemento social, tamén.

-Isto é moi importante xa non só para o deporte senón para a vida, en xeral. O problema é que lle seguimos chamando fútbol feminino, cando non o é. É fútbol, así de simple. Pero segue habendo esas diferenzas pese a estar no 2019. Non obstante, pouquiño a pouco a cousa vaise normalizando. A igualdade vai tardar en chegar, pero confío en que a sociedade se vaia concienciado.

-Como serán os comezos?

-A Copa Deputación vai ser para nós unha toma de contacto, pois o equipo está aínda por facer. Imos chegar moi ó limite porque as nenas non están acostumadas a xogar xuntas. Sabemos que vai ser un ano complicado, pero imos traballar e intentar poñer todo tanto pola nosa parte como pola da directiva. Elas están con moitas ganas.