«Non teño máis aspiracións e pretensións que as de ser alcalde»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

BASILIO BELLO

OS NOVOS GOBERNOS | «Aposto pola continuidade do actual equipo de goberno, porque os veciños avalárono cos seus votos», dice el regidor larachés, José Manuel López (PP)

30 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten 57 anos -fará 58 en setembro- e leva en política municipal dende 1987. José Manuel López Varela accedeu á alcaldía do Concello da Laracha en 1999, e o 26 de maio acadou a súa sexta maioría absoluta.

-A que se debe o éxito do PP na Laracha?

-Creo que os veciños valoran o traballo feito en todos os departamentos e a transformación que experimenta cada día A Laracha, coa dotación de novos servizos, novas iniciativas e novas infraestruturas, que inciden directamente na mellora da calidade de vida. Apostamos dende sempre pola proximidade cos veciños.

-O seu lema é que o que funciona é mellor non tocalo?

-Creo que todos os que forman o grupo de goberno, tanto os que teñen dedicación exclusiva como os que non, están a facer un gran traballo, e así o valoran os veciños cada catro anos, outorgándonos o seu apoio. Por iso, o mellor é continuar por esa senda de traballo, de proximidade, de resolver os problemas de forma rápida e eficaz.

-É unha voz máis que autorizada no PP da bisbarra. Que lle pasou ao Partido Popular o 26 de maio?

-Foron unhas eleccións cunha tendencia de votos cara ao PSOE e foron moi complicadas para o Partido Popular. Pero os resultados en Bergantiños, no cómputo xeral dentro da provincia, non foron malos, coa excepción de Carballo e Ponteceso. Gañouse as eleccións en Malpica, aínda que se quedou a un concelleiro da maioría absoluta, lográronse as alcaldías de Laxe, con maioría absoluta, e Coristanco, e mantivéronse as de Cabana e A Laracha.

-Pero en Soneira e en Fisterra non acadaron nin un só bastón de mando.

-Hai que poñerse a traballar xa, facer unha oposición firme, constante e permanente, en clave positiva, sobre as necesidades de cada municipio. Esa é a única forma de poder mellorar.

-Ten 57 anos e leva seis maiorías absolutas. Non ten outras aspiracións políticas?

-Non teño máis aspiracións nin pretensións que as de ser alcalde da Laracha e apoiar ao meu partido en todo aquilo que me pida.

-Se non fose alcalde, que lle gustaría ser?

-Non o sei, a verdade. Nunca o pensei, entrei no Concello como tenente de alcalde e agora son alcalde. O único que busco é mellorar o meu concello. E teño que dicir que non creo nos gobernos presidencialistas, creo na coordinación e na delegación de funcións, e nese sentido estou orgulloso do grupo de traballo que formamos neste goberno da Laracha.

-Cando remate o mandato terá 61 anos. Será o último?

-Non penso en marchar, penso no día a día, en acadar cousas importantes para os meus veciños. Aínda é moi cedo para pensar no que vai ocorrer dentro de catro anos. E aínda que levo seis maiorías absolutas consecutivas podo asegurarlle que traballo coa mesma ilusión e compromiso que o primeiro día que cheguei ao despacho. Hai moitos retos por diante e moitos proxectos, que son os que me animan a seguir á fronte do Concello da Laracha.

RAUL LORENZO

Vai co cargo: máis preguntas

-Quen foi a primeira persoa en felicitalo trala sesión de investidura?

-Os compañeiros de corporación.

-Quen foi o primeiro que o chamou?

-Non recordo, pero tiven moitas chamadas. Cando acendín o teléfono móbil tiña ducias de chamadas e mensaxes.

-Cal foi a que máis ilusión lle fixo?

-Todas en xeral. Sempre é de agradecer que se acorden dun.

-Empregará coche propio ou do Concello para os seus desprazamentos?

-Compartirei o meu, un Peugeot 3008, co do Concello.

-Como leva o do vestir? Pensa renovar vestiario?

-Eu vou moi cómodo cun pantalón vaqueiro, unha camisa e unha chaqueta. Son moito de vestir sport. O do traxe, cando así esixa o acto ou o protocolo, pero agora nas reunións de traballo a xente acode con roupa máis informal, o cal é de agradecer.

-Quen escolle a roupa cando vai mercar?

-Entre a muller e mais eu [ri].

-Terá tempo para facer exercicio?

-Teño que retomar o tema de ir á piscina e andar un pouco. Teño o deporte un pouco abandonado e agora que temos novas sendas peonís feitas tereinas que aproveitar.

-Irá de vacacións este verán?

-Si, uns días son necesarios porque non son só as miñas vacacións, senón as da familia. Trátase de descansar un pouco, sempre que non coincidan coas festas patronais ou actos importantes a nivel municipal.

-Que lle falta ao seu despacho?

-Nada.

-Que tiraría do que hai?

-Sobran moitos papeis. Haberá que facer unha limpeza.

-Con quen manterá a primeira entrevista de traballo?

-Co presidente da Deputación (Valentín González Formoso) para pedirlle unha solución urxente ás estradas de titularidade provincial. Preguntarlle que plan ten para arranxar os problemas de circulación que temos na Laracha. O concello é un cruzamento de estradas, como, por exemplo A Laracha-Soandres, Paiosaco-Caión e cara á zona de Baldaio. O problema máis grave témolo na que vai da Laracha á canteira, onde un dos vehículos ten que parar para que pase o outro, sendo unha estrada das de maior tráfico de todo o municipio.

Os retos deste novo mandato

Poboación. «A Laracha é un dos poucos concellos da bisbarra que gaña poboación cada ano. E iso que o noso saldo vexetativo é negativo. Considero que detrás deste aumento hai un municipio con todo tipo de servizos, cunha ampla oferta educativa, en materia de conciliación, de servizos sociais, con infraestruturas deportivas e un polígono que vai a máis. Iso é o que fai da Laracha un concello atractivo».

Polígono. «Vendéronse máis do 70 % das parcelas. De feito, co ritmo de venda actual queremos adiantarnos e xa lle formulamos á SEA e ao Sepes a posibilidade dunha ampliación. Sería a carón do actual, para aproveitar todos os servizos existentes, como saneamento, canalización de gas natural, alumeado... Agora analizamos cantos metros cadrados tería a ampliación, pero a nosa idea é que sexa algo importante».

«Primeiro viveiro de empresas municipal da zona». «A obra está rematada. Queda aprobar a ordenanza reguladora e espero que no vindeiro pleno se leve a aprobación. Se todo marcha segundo o previsto, antes de que remate o ano poderase aprobar e licitar as primeiras concesións aos interesados».

Sanidade. «Están a punto de rematar as obras de ampliación do PAC, que teñen un custo de 1,2 millóns de euros. Agora dende o goberno municipal tratamos de dotar o edificio de novos servizos e departamentos, incluso abrir algunha consulta polas tardes. Pero hai un problema, que é o que me transmiten dende a propia consellería: a contratación de novos médicos e, incluso, de substitución dos médicos que estean de vacacións. A realidade é que non hai onde contratar. Hai algunha crítica por parte do BNG, e eu tamén lle digo ao BNG que se coñece a algún médico que nestes momentos queira que o contrate a Xunta que nos dea os datos, que llos pasamos á xerencia de atención primaria para que lle fagan ese contrato».

Centro sociocomunitario. «É a obra, a nivel del infraestruturas culturais e formativas, máis potente. Daralle pulo ao tecido asociativo de Caión, e albergará as oficinas da confraría e a de información turística. Tamén acollerá exposicións itinerantes e todas aquelas que teñan que ver coa pesca e o mar. Trátase dun investimento de 1,2 millóns en obras e estará listo en dous anos».

Educación. «A ampliación do novo aulario no CEIP Otero Pedrayo, con tres novas aulas de infantil e un investimento de 500.000 euros de licitación. Tamén temos a habilitación de espazos educativos e de accesos vinculados ao CEIP Otero Pedrayo e o Agra de Leborís».

Pista de «skate». «Farase nas inmediacións do instituto Agra de Leborís da Laracha».