López Varela: «O polígono industrial ten que ser unha referencia na provincia e en Galicia»

V. Couto / T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

BASILIO BELLO

26M: AS MUNICIPAIS | Alcalde larachés dende o ano 1999, López Varela aspira o día 26 a revalidar a maioría absoluta, a sexta consecutiva

26 may 2019 . Actualizado a las 23:06 h.

Ten 58 anos, «en setembro, 59» e pasa por ser un dos políticos da Costa da Morte máis veteranos. José Manuel López Varela entrou na corporación larachesa en 1987, é alcalde da localidade dende 1999 e agora aspira a un sexto mandato con maioría absoluta: «E espero que agora os veciños sigan confiando en nós», di.

-Como afronta estes comicios?

-Con máis ilusión ca nunca porque vemos que os grandes proxectos van cara diante e que A Laracha vai crecendo, e iso é un motivo máis que xustificado para afrontar este reto con máis ilusión ca nunca.

-O PSOE gañou en cinco mesas, catro delas en Torás, o pasado 28 de abril. Iso pode afectar o día 26?

-O Partido Popular gañou as eleccións no Concello da Laracha. Houbo mesas que o PSOE, por pouca diferenza, foi o partido máis votado, pero en liñas xerais, o gañador foi o PP. En todo caso, eu xa o comentei en varias ocasións, os resultados das eleccións xerais non son extrapolables ás municipais, porque nas municipais vótase a unha candidatura de veciños, a unha persoa.

-Cales son, ao seu xuízo, as principais necesidades do Concello da Laracha?

-Sempre temos novos retos polos que pelexar. Hai unha aposta clara e importante polo emprego e por iso seguiremos loitando porque o parque empresarial sexa un dos referentes en proxección, non só da provincia, senón de Galicia, e por iso xa traballamos nunha futura ampliación. Tamén temos rematado o viveiro de empresas e, de feito, vaise aprobar xa unha ordenanza para que os emprendedores que queiran facer uso deses espazos poidan facelo por un prezo módico. Logo tamén estamos coa ampliación do Otero Pedrayo e a ampliación dos espazos educativos, tanto no Otero Pedrayo como no Agra de Leborís. No caso do Otero Pedrayo son 7.000 metros cadrados para melloras do aparcamento e de estacionamento de autobuses, e no caso do Agra de Leborís, a apertura dunha nova rúa, vanse construír dúas pistas polideportivas, tanto para alumnos como para o resto de veciños da Laracha, unha nova pista de skate e abrir un novo acceso cara o instituto sen ter que manobrar na rúa Manuel Murguía.

-De todas as propostas que leva o PP, cales destacaría?

-Son moitas as propostas que temos en marcha. Temos o mantemento da rede viaria, formada por preto de 700 quilómetros de estradas e 311 núcleos de poboación e iso supón un gran esforzo anual orzamentario. Tamén hai que traballar polos accesos de A Laracha e Paiosaco a Caión, e da Laracha á canteira de Soandres. Mellorar e ampliar as sendas peonís, como a do Cancelo ata o núcleo da Estrada, en Lemaio, poñer en valor o patrimonio histórico, construír novos depósitos da auga para a ampliar a rede de captación, mellorar os contornos fluviais e a ribeira de San Fins e as ampliacións do PAC, gardería, centro de día, fogar residencial e o punto limpo.

BASILIO BELLO

O seu móbil

IPHONE 6. «Leva comigo máis de catro anos e vai como o primeiro día. Non teño intención de cambialo porque estou moi a gusto con el», apuntou o candidato á alcaldía do Concello da Laracha, José Manuel López, quen engadiu: «Aínda que son máis de facer chamadas tamén emprego moito o WhatsApp»

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: A favor
  • Aborto: A favor, pero en función das circunstancias
  • Investigados nas listas: Non deben ir os condenados
  • Traslado de restos de Franco: Non é un tema prioritario
  • Referendo Cataluña: En contra
  • Acollida refuxiados: A favor, con control
  • Eutanasia: A favor do dereito a una morte digna
  • Cambios lei violencia xénero: Se mellora o que hai, a favor.
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor
  • Casco urbano a 30 km/h: Depende da vía o seu ancho...

Preferencias

  • A que hora se ergue? As sete e media da mañá
  • Que almorza? Café con leite
  • Prato preferido: Caldeirada de peixe
  • Que non comería? Insectos
  • Bebida preferida: Café e un viño á comida
  • Equipo de fútbol: Laracha, Paiosaco e o Club do Mar de Caión
  • Que coche ten?: Un Peugeot 3008
  • Unha afección: A pesca
  • Un lugar: Paseo fluvial de Gabenlle
  • Que tarefas de fogar realiza? Colaboro en todas

Artes e letras

  • Escritor favorito: Xosé Neira Vilas
  • Último libro que leu: Antoloxía das confidencias de Picadillo
  • Última película que viu: El amor en los tiempos del cólera
  • Un artista: Urbano Lugrís e Álvarez de Sotomayor
  • Un actor: Antonio Durán, Morris
  • Unha actriz: Meryl Streep
  • Un cantante: Manolo García
  • Tipo de música: Folk galego e rock español
  • Deporte que practica: A pesca
  • Unha viaxe pendente: Seguir coñecendo máis lugares de Galicia