Rocío López Rey, Edila de Promoción Económica do Concello da Laracha: «Hai hostaleiros que se animaron a participar ao ver o éxito que ten a iniciativa»

La Voz

A LARACHA

Cedida

«O que pon de releve A Laracha de tapas é a cultura que hai de tapeo na bisbarra e o movemento de xente que trae»

07 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

? A Laracha de tapas cumprirá esta fin de semana a súa quinta edición, converténdoa nunha das máis veteranas das que se celebran na Costa da Morte. De feito, o Concello puxo en marcha esta iniciativa en Paiosaco e Caión o pasado ano, unha citas que viñeron para quedarse. Rocío López Rey (A Laracha, 1981) é concelleira dende o 2007 e leva as áreas de Servizos Sociais, Promoción Económica, Sanidade, Muller e Emprego.

-¿Como lembra os inicios de A Laracha de tapas?

-Recordo que comezamos coa Feira da Horticultura da Laracha, que se levou a cabo na praza do Concello. Fixera un moi bo tempo e quixemos vincular gastronomía coa propia feira e nada mellor que ao través das tapas. Tivo un enorme éxito e decidimos que tiña que continuar... E ata hoxe.

-¿Que balance fai?

-Moi positivo, por todo o que supuxo e supón.

-¿E que supón para A Laracha?

-Moito. Para comezar, dinamismo no sector do comercio e da hostalería. Do comercio, porque este ano repartiranse entre os clientes máis de 50 agasallos o que supón un récord. E tamén a confirmación da importancia que lle dan a A Laracha de tapas. Pero tamén é unha forma de dar a coñecer a hostalería local. Lembro o pasado ano. Fixera un temporal incrible, pensei que non habería a xente doutros anos, e equivoqueime, estaban os bares cheos.

-¿Que lle comentan os hostaleiros?

-A verdade é que están moi contentos porque é unha fin de semana importante para eles. Danse a coñecer á xente que non é habitual e é unha forma de fidelizar ao cliente ao través da gastronomía. Os hai que se animaron a participar ao ver o éxito que ten a iniciativa.

-¿Move tanta xente?

-O que pon de releve A Laracha de tapas é a cultura do tapeo existente na bisbarra e o movemento de xente que trae.

-Este ano ademais a valoración das tapas virá da man de expertos culinarios.

-Cremos que é unha forma de profesionalizar, por así dicilo, o tema das tapas. Fixemos dúas categorías de premios. Unha que virá da man dun xurado profesional, integrado por tres blogueiros; en concreto, José Antonio Domínguez Loureiro, María Pérez Patiño e Juan Carlos Alonso. Eles encargaranse de dar a súa valoración máis profesional. Para esta categoría dotaranse un primeiro premio de 300 euros e dun segundo, de 250 euros.

-Tamén poderán dar a súa valoración os clientes.

-Si, coma sempre se fixo. Hai unha segunda categoría pensada para os consumidores de tapas. Terán que consumir un mínimo de tres ao longo da vindeira fin de semana. É o mínimo imprescindible para dar a súa valoración de cal é a tapa que máis lle gustou. O hostaleiro gañador recibirá un premio de 200 euros. Ó máis probable é que o vindeiro luns, día 18, se dea a coñecer os nomes dos gañadores desta quinta edición de A Laracha de tapas.

Os datos

A quinta edición de A Laracha de tapas comezará mañá venres de 19.00 a 24.00 horas. O sábado será de 12.00 a 15.00 e de 19.00 a 24.00. E o domingo, de 12.00 a 15.00. O custe de cada tapa é de 1,50 euros. Haberá un tren turístico que realizará un percorrido polos locais participantes ao longo de toda a fin de semana e de forma totalmente gratuíta. Doce son os negocios laracheses participantes: ABC, Aqua, Esmorís, Guadalupe, Manhattan, Mariño, O Noso Café, O Trasno, Sandra, Sara, Zaaibel e Ambigú.