Cristopher Pallas: «Sempre lle teño un respecto a todos os equipos, pero medo, a ningún»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

BASILIO BELLO

«Temos que sacar algo en positivo contra o Barco [hoxe, en Calabagueiros, ás 17.15] para seguir líderes», di o porteiro do Bergantiños

09 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O meta do Bergantiños, Cristopher Pallas Lorenzo (Ginebra, 1987), xogará un papel importante no partido de hoxe contra o Barco, segundo clasificado con dous puntos menos, en Calabagueiros, ás 17.15. Que o seu equipo continúe liderando o grupo galego da Terceira División pasará, en boa parte, porque a portería visitante quede a cero. Ademais, non contará cos defensas titulares indiscutibles, Borja Facal e Aarón, por acumulación de tarxetas, de xeito que o seu traballo pónselle máis costa arriba.

-¿Como ve o encontro?

-Vai ser moi complicado, como todos os partidos desta categoría, pero máis aínda ao tratarse do primeiro contra o segundo, mais dun campo no que sempre está abarrote, ademais deles vir reforzados da vitoria do xoves contra o Paiosaco no tempo engadido. Pero temos que sacar algo en positivo para seguir líderes.

-Especial atención vai ter que prestar ao máximo goleador da categoría, Juanito Bazo, con 11 tantos (un de penalti) en 15 choques disputados.

-Totalmente, ese vai ser o meu traballo [ri]. É un dianteiro perigoso, pero creo que teñen moitos xogadores de calidade, de modo que temos que estar moi atentos en todas as liñas.

-Con 12 tempadas en Terceira División, vostede conta con ese plus de coñecer case á perfección ó rival, pese ós cambios de cada ano, claro.

-O que dan os anos é iso. Xa nada me sorprende. Sempre lle teño un respecto a todos os equipos e ós xogadores, pero medo a ningún. Neste caso, o Barco mudou bastante esta campaña ao cambiar ó adestrador e a varios xogadores. Aínda non os puiden ver xogar, pero o ano pasado facían unha presión bastante alta e nós causámoslle dano nos dous partidos a contragolpe [4-2 e 1-5]. Neste, dubido que nos xoguen tan arriba [ri].

-Hai escasas semanas, o Barco perdeu contra dous dos equipos favoritos ó título, o Compostela e o Racing de Ferrol. De hoxe saír gañadores vostedes, deixaríano fóra da cabeza da táboa psicoloxicamente.

-Si, ó final son partidos que mentalmente te poden marcar. Pero nós, o que temos que mirar é por nós. E se facemos as cousas ben e conseguimos bos resultados todas as xornadas, vai ser difícil que nos saquen dese primeiro posto.

-¿Como está vivindo vostede esta liga?

-É importante ter sempre a confianza do míster [Miguel Figueira], e eu intento devolverlla, traballando o máximo posible cos adestradores de porteiros para tratar de axudar ó equipo. E creo que de momento imos ben, basicamente mirando onde estamos na clasificación.

-Menos no choque contra o Porriño, foi titular sempre. ¿O corpo acompáñao neste arranque ligueiro?

-De momento non teño queixa. As lesións estanme respectando. Estou contento por iso porque, ó final, é o máis importante: poder estar dispoñible para que o técnico te poña no once inicial.

-É a súa sétima tempada no club roxiño. ¿Atrévese a dicir que este Bergantiños é o mellor de todos estes anos?

-Iso é moi difícil de dicir, porque normalmente as plantillas analízanse segundo os resultados. Eu penso que o ano pasado tamén había moi bo plantel e finalmente quedamos segundos. Entón, haberá que esperar ó final para sabelo [ri].