«A xente acostumouse ao teatro gratis» 

O intérprete ceense estará esta fin de semana na Laracha e en Vimianzo


carballo / la voz

Toño Casais é un dos actores de Talía Teatro. Esta fin de semana estará en Vimianzo e A Laracha con O servidor de dous amos. A obra rematará o ano en Dumbría.

-Traballar na comarca supón máis comodidade ou máis responsabilidade?

-Sénteste máis arroupado. Son prazas que facemos tódolos anos. No caso de Vimianzo, ademais, estivemos moito tempo dando clase, tes alumnado, coñecidos... É cómodo, é unha boa sensación. A Laracha e Vimianzo son sitios onde te atopas coma en Cee.

-Pero vén todo xunto.

-As programacións repítense, coinciden varias antes de final do ano e en Cee acostuma ser en agosto e en primavera. É certo que outubro e novembro son os meses máis fortes para nós. Tamén marzo, abril e maio. Estase asentando programación e iso fideliza o público. Vimianzo é un caso excepcional porque tódolos sábados e domingos sabes que tes algo.

-Hai estabilidade?

-Nós actuamos un día, mesmo nas cidades as funcións son únicas. Como moito estás dous días, polo que non pode funcionar o boca a boca. Se alguén en Santiago non viu O servidor de dous amos o día da estrea xa non o vai ver porque non volve, convértese nun acto único. Para poder vivir disto tes que facer un número de prazas que van de 80 a 100. É esgotador. A eiva é que o venres estivemos con Sopa de sapo en Malpica e que o sábado poderiamos encher de novo, pero non tocas dúas veces a mesma praza. Con Bicos con lingua repetimos nos institutos, pero en público aberto non tocamos unha praza de segundas.

-Cal é o motivo?

-A xente acostumouse ao teatro gratis. Se cobramos 2 euros por entrada e sacamos 400 euros non dá nin para dar de alta a tres actores. A recadación é ínfima.

-O de ter as cousas gratis é un mal costume.

-Coa crise conseguimos capear o temporal coas clases e os cursos. Con iso mantivemos a compañía e puidemos seguir traballando. Agora estase recuperando a situación, pero traballo o dobre para gañar a metade. Os concellos manteñen o chip da crise, colleron a agulla de marear e cando te contratan preguntan que lles ofreces gratis. Tes que aceptar e entrar no xogo porque hai compañías moi boas.

-Mesmo os grandes espectáculos só paran un, dous ou tres días nas cidades galegas.

-É impensable en Galicia estar un mes nun teatro. Na sala Iago temos estado tres semanas e un mes en campañas escolares. Había programación tres días á semana. En Narón, que é grande, as funcións eran dun único día e as entradas estaban esgotadas.

-Quizais a solución sexa crear hábito na xente, como ocorría antes.

-Hai moitos anos Artur Trillo contaba que cando Canal + programaba o fútbol os domingos seu pai saía a velo. Para el tódolos domingos había partido. Estou convencido que se tódolos xoves se programara teatro acabariamos tendo xente. É o que pasa as fins de semana en Vimianzo. Pero a oferta é difícil de atopar porque o mesmo é un mércores que un domingo, ao mellor non hai nin carteis.

-Ás veces precisas un mapa para saber cando e onde hai oferta teatral.

-A nós tennos pasado varias veces. Chegas a unha casa da cultura e non hai un só cartel colgado, e iso que nós mandamos sempre. Ás veces é case imposible que a xente saiba o que hai. Nós cobramos igual a función tanto se hai 3.000 ou 50 persoas, pero queres que a xente vexa o teu traballo e é moi duro que nun local para 400 persoas só haxa 20.

-Pero en Vimianzo e A Laracha estará cheo.

-Seguro, hai máis anos que imos, a xente coñécenos, viron máis obras. Temos o cheo garantido.

A Laracha. Na Casa da Cultura estará o venres, día 16, ás 21.00 horas.

Vimianzo. O sábado 17, ás 21.30 horas, será a representación no auditorio da Casa da Cultura.

Dumbría. O 7 de decembro «O servidor de dous amos» representarase na Casa da Cultura de Olveira, ás 21.00

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«A xente acostumouse ao teatro gratis»