«É unha peza con moita intriga, na que unha pista leva a outra...»

V. Couto, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Paco Rodríguez

A programación de outono na Casa da Cultura de Vimianzo segue hoxe con Redrum, que onte pasou por A Laracha. Fala Machi Salgado da obra «A canción do elefante»

10 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Laracha e Vimianzo son outros dous puntos de referencia do teatro en outono. Pola primeira localidade pasou onte a compañía Redrum, co privilexio de estrear o ciclo dos Venres Teatrais. Hoxe, a mesma formación visitará precisamente a capital de Soneira con idéntica obra, A canción do elefante: 21.00, Casa da Cultura, 5 euros. Machi Salgado, un dos intérpretes, falou en Radio Voz Carballo.

-¿Que nos conta esta peza?

-É unha peza teatral escrita por un autor canadense, Nicolas Billon. Del fixeron unha película, pero esta obra de Redrum, para quen vise o filme, está moito mellor [ri]. Ten máis atractivo e intriga. Fala dun psiquiatra desaparecido dun centro: ao xerente ocórreselle falar co último enfermo co que estivo. A enfermeira advírtelle de que é perigoso e de que a información pode non ser de todo fiable, pero el empéñase en intentar desentrañar o paradoiro do médico.

-Estreada en setembro do ano pasado, ¿como lles está indo?

-¡Fantástico! Teñen feito moitas funcións e eu estou continuando co fantástico traballo que fixera o tristemente falecido Ernesto Chao. Houbo moitas representacións nese ano de estrea e así seguimos. Alá por onde imos vemos a sorpresa do público a medida que vai avanzando a obra.

-¿Como foi asumir o papel de Ernesto Chao na obra?

-Unha responsabilidade moi grande. Ernesto Chao foi un mestre do teatro e eu intento facelo o mellor que podo, esperando estar á altura.

-¿Que lles podemos dicir aos espectadores de Vimianzo para que se acheguen a presenciar «A canción do elefante»?

-¡Non só animamos a Vimianzo! Animamos tamén a Camariñas, a Laxe, e a todos os que estean preto, porque é unha peza con moita intriga. O seu director, Álex Sampaio, é un matrioska teatral. Vai habendo pistas e cada unha delas leva a outra. Así vai mantendo o espectador ata que remata a obra, que é cando se resolve. Anímoos, tamén, a vir ver o fantástico traballo de Guillermo Carbajo e Patricia Vázquez.

Próximas obras

Vimianzo

Despois de «A canción do elefante», hoxe mesmo, o vindeiro sábado 17 visitará a capital de Soneira Talía Teatro, compañía con grande vínculo coa Costa da Morte. Farao ás 21.00, coa obra «O servidor de dous amos». Entrada: 5 euros.

A Laracha

A seguinte parada dos «Venres Teatrais» de A Laracha permitirá, curiosamente, gozar da mesma función de Talía Teatro. «O servidor de dous amos» poderá verse o día 16, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura, con entrada gratuíta.