«Os outros equipos terán mellores cadros, pero non as nosas ganas»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

BASILIO BELLO

«Co traballo semanal, a humildade e a afección facemos un cómputo que é moi difícil de superar», di o capitán e porteiro do Paiosaco, Hadrián Rama

09 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hadrián Rama Martínez naceu en Suíza (1990), pero fixo a súa vida na Laracha. Futbolisticamente, primeiro nas categorías inferiores do club roxiverde, e dende os 17 anos, no Peisaco, como el e os seus chaman ao seu equipo. Na tarde de onte, o capitán e porteiro valorou o importante triunfo ante o Racing de Ferrol (2-1) e reflexionou sobre o soño que está a ser a Terceira División. Poucos xogadores hai que a vivan tan intensamente, e de forma tan humilde, coma el, sempre poñendo a afección por diante de todo.

-Dicía Iriso nunha entrevista para este medio que o Paiosaco ía dar que falar, e vaia se o fixo. Gañar a un cadro de Segunda B non estaba entre os seus plans, non? E moito menos, en 4 minutos ao principio de todo.

-Si, a verdade é que levabamos tres derrotas consecutivas contra os tres primeiros clasificados [o Bergantiños, o Compostela e o Arousa], e, no papel, contra o Racing estaba perder. Pero tiñamos demasiadas ganas xa de conseguir unha vitoria para que a xente non se viñera abaixo e, sobre todo, para darlle unha alegría á afección, que sempre está con nós. Necesitabámola, e puxemos todo o empeño para que así fose. En canto aos goles, foi un momento no que estabamos lúcidos e no que pillamos ao rival descolocado. Sabiamos que iamos ter moi poucas ocasións fronte a xogadores que se dedican profesionalmente a isto e que tiñamos que aproveitalas . E despois, defendemos o resultado.

-Por todo iso, significou moito máis que tres puntos, non?

-Totalmente. Unha dose de moral para afrontar o resto de partidos que van vir e, sobre todo, foi algo moi importante para a vila porque foi a primeira vez que o Racing visitou A Porta Santa e, quizais, a última. Oxalá que non, pero hai que ser realistas. Peisaco é unha vila moi pequena e estamos xogando nunha categoría que non é acorde.

-Xa antes, tamén lle plantaron cara ao Bergantiños e ao Compostela, pese a que os resultados non acompañaron. Cal está sendo a clave deste bo facer?

-Son tres: o traballo semanal, a humildade e a afección. Os outros equipos terán mellores cadros de xogadores, pero fáltalles xogar coa nosa intensidade e coas nosas ganas, porque durante os 90 minutos de partido estamos correndo e suando a camiseta. E a afección tamén nos axuda a mostrar ese empuxe e a non decaermos en ningún momento, aínda que recibamos gol ou o rival estea sendo superior a nós. Con todo xunto, facemos un cómputo que é moi difícil de superar.

-Xa que insiste na súa afección, hai que recoñecer que os equipos veciños teñen que envexala. Quizais deberían de tirar máis por xogadores da casa?

-Eu sei que é complicado tirar pola xente da casa cando estás en categorías tan altas e, sobre todo, na zona na que estamos con ata tres equipos en Terceira División, e o Arteixo e o Sofán en Preferente Autonómica. Pero si que é certo que se apostas por ela, iso vai repercutir positivamente na afección, porque á parte de vir familiares, veciños e compañeiros, a afección vaise sentir moito máis identificada co equipo.