«Acadei o soño de xogar na EBA no club da miña vida»


Roi Vega Torreira (A Laracha 1979), o «eterno capitán» do Básket Xiria, como o alcuman no club no que tanto lle queren, deixa de xogar no equipo carballés, pero non a súa paixón polo baloncesto, da que dá aquí pinceladas entrelazadas coa súa vida.

-¿A quen admiraba con 10 anos. Era máis dos irmáns Jofresa ou de Alberto Herreros?

-A verdade é que ningún destes exemplos eran dos meus preferidos. Con 10 anos fixábame no Barça de Epi e Solozaábal. Son os primeiros recordos que teño de ver baloncesto na TV, na 2.

-¿Como levou o tema da altura ao primeiro, véndose sempre rodeado de tipos máis altos?

-Sempre foi algo natural para min e aínda a día de hoxe non sinto esa diferenza física, pero é certo que cando vía vídeos preparando algún partido si que o pensaba. Sempre intentei sacar o positivo da miña estatura e traballar e explotar ao máximo as miñas características físicas.

-¿Con que partido ou momento se quedaría? ¿Algún compañeiro que destacase moito pola súa calidade?

-Teño algún que outro partido na memoria... Derrotas e vitorias. Se teño que dicir un sería o partido contra Larraona conseguindo o ascenso a EBA no 2006. Se me preguntas por compañeiros... por sorte non podería dicir un e sería inxusto dicir tres ou catro porque son moitos máis. Por dar algún nome direi os dous primeiros e o último: sendo junior xogar con Miki Abarca e Pepe Calvelo era unha auténtica pasada e por último un soño cumprido foi compartir vestiario con un amigo, alguén que admirei sempre. Estou falando de Peli.

-¿Coa súa calidade, quédalle pena de non probar algunha categoría máis arriba?

-Sempre estiven feliz en Carballo e sempre fun unha persoa consciente das miñas capacidades e limitacións. Optei por non marchar e non buscar sorte noutros equipos. Acadei o soño de xogar en EBA no club da miña vida. Considérome plenamente satisfeito como xogador.

-¿Por que deixalo este ano se fisicamente segue ao nivel?

-Foi unha decisión difícil de tomar ata o último momento. Aínda sentíndome capaz de xogar valorei outras cousas que decantaron a balanza para poñer un punto na miña carreira, se ben é certo que non podo xurar que sexa un punto final, porque sigo gozando coma cando era pequeno.

-¿Onde están agora os primeiros rapaces que adestrou?

-Eu empecei a adestrar no colexio de Sofán. A verdade que a eses nenos perdinlles a pista. Xa en Carballo teño unha historia preciosa cos benxamíns que adestrei posto que con moitos puiden xogar no primeiro equipo estes dous últimos anos. Como xogadores con maior proxección tiven a sorte de adestrar a Enrique Melini e Jonathan Barreiro.

-¿Canto tempo lle segue ocupando o baloncesto? ¿Segue as ligas profesionais?

-Estes últimos anos despois de finalizar os meus estudos quixen formarme como adestrador e no 2017 rematei o curso de adestrador superior en Zaragoza. O baloncesto ocúpame practicamente todo o meu tempo xa que levo a coordinación do baloncesto en Laracha en idades de 4 a 13 anos. Por suposto que consumo baloncesto e cada vez máis, tanto masculino como feminino. Profesional e non profesional.

-¿Pensa que vale a pena hipotecarse por ter un equipo na elite ou prefire investir nos rapaces?

-Persoalmente considero polo traballo que desempeño que o ideal é sentar unhas boas bases e construír de cara o futuro coa seguridade, pero tamén coas dificultades que implican os equipos integramente ou case por completo con xente da casa. Pode que sexa un camiño máis longo e ao mellor non se pode ter un baloncesto de maior nivel de inmediatom pero creo que é o máis san para a estrutura dos clubs. É dicir prefiro investir en adestradores para asentar os vimbios e non en xogadores que o mellor solo me solucionarían un par de anos.

-¿Como valora o trato do Xiria con vostede, coa memoria de seu pai e coa súa familia?

-Só podo ter palabras de agradecemento. Son uns 30 anos vestindo o número 11. É unha vida enteira que comezamos os tres xuntos, miña nai sendo a médica do equipo e meu pai o delegado. Sempre sentín o respecto e o cariño desde dentro do club e fóra no día a día coa afección.

-¿Pensa que o pobo de Carballo sería o mesmo sen o labor que fan os clubs deportivos?

-O pobo de Carballo ten moita sorte de ter un abanico tan amplo no que se refire a oferta deportiva. Por suposto que non sería o mesmo sen todas estas entidades que ao final aínda que facendo traballos distintos logran algo moi importante que non é outra cousa que amosar hábitos saudables, transmitir valores e educar os rapaces.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Acadei o soño de xogar na EBA no club da miña vida»