A Porta Santa acolle o derbi da ilusión: o David contra o Goliat de Bergantiños

O Bergantiños visita a un Paiosaco que se estrea en Terceira cun bo inicio ligueiro e un sexto posto na táboa. Falan os adestradores: Juan Riveiro e Miguel Figueira


Carballo / La Voz

Máis ca tensión, dicían onte Juan Riveiro e Miguel Figueira en Radio Voz Bergantiños, o que terán este próximo domingo será moita motivación. Unha longa amizade une aos técnicos do Paiosaco e do Bergantiños, que analizan as posibilidades de cadaquén no choque desta cuarta xornada de Terceira División.

-Hai boa relación entre o corpo técnico dos dous equipos?

-[Juan R.] Moi boa, e ademais damos clases xuntos no curso de adestradores. Levámonos ben.

-Que bonita será a Terceira División esta ano para os afeccionados ao fútbol de Bergantiños.

-[Miguel F.] Pois que haxa máis equipos da zona sempre é algo moi positivo, tanto para os seguidores, que van máis ao campo, como para a propia economía dos clubs, porque os custos por desprazamentos son menores.

-[Juan R. ] Hai que ter en conta que os afeccionados terán un partido de Terceira División cada semana preto das súas casas. E, como di Miguel, tamén será beneficioso para a economía dos equipos e para os xogadores, que é máis bonito xogar preto da casa.

-Máxima expectación, entón, ante o derbi deste domingo.

-[Juan R.] Nós non podemos queixarnos coa nosa afección, pois, por exemplo, o outro día na Grela un 70 % ou 80 % da xente era do Paiosaco [ri]. Os nosos están ilusionados por este bo arranque de liga e, se a iso lle sumas que Carballo está tan cerca, creo que haberá unha moi boa entrada na Porta Santa este domingo.

- [Miguel F.] Esperemos que non faga moito día de praia! [ri]

-Notan máis presión ca nun partido normal?

-[Juan R.] Eu penso que o que máis hai é motivación pola parte dos xogadores. Moitos coñécense entre si e mesmo compartiron vestiario. Hai moitas ganas.

-[Miguel F.] A presión é a que nos impoñemos os adestradores cada semana para acadar os nosos obxectivos. A única diferenza neste tipo de encontros é a que mencionaba Juan: que os xogadores se coñecen e están moi motivados de xogar entre eles. Hai tranquilidade polas dúas partes.

-Atrévense a colgarse a etiqueta de favoritos?

-[Juan R.] Eu, se non lle importa, pásolle esa etiqueta ao colega Miguel [ri]. O Bergantiños é un equipo cunha gran tradición en Terceira e cun cadro moi ben compensado e moi competitivo. Papel de favoritos non temos, pero Miguel ben sabe que o Paiosaco non se vai render.

-[Miguel F.] Sempre que te enfrontas a un rival que é novo na categoría é ilusionante, neste caso aínda máis porque son amigos. Favoritos? Non me preocupa ter que asumilo, aínda que o bo inicio ligueiro do Paiosaco fai que sexa un rival temible.

-Como chegan de baixas?

-[Juan R.] Por lesión temos a Irixo, a Christian e a Aythami. Perdemos por sanción a Beto.

- [Miguel F.] Nós temos a de Pablo Agulló, que o operaron esta semana do cruzado e terá 6 meses de baixa en principio.

-Hai previsto algún debut, como podería ser o de Ekedi?

-[Miguel F.] Tanto Ekedi como Álex Diéguez non debutaron aínda, pero é moi probable que entren na convocatoria.

-Unha porra, veña.

-[Juan R.] Eu teño que apostar polos meus, claro [ri]. Creo que un 2 a 1, ou un empate, aínda que creo que vai haber goles.

-[Miguel F.] Apuntou Juan Riveiro 2 a 1, pois eu aposto por 1 a 2, para o Bergan [ri].

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A Porta Santa acolle o derbi da ilusión: o David contra o Goliat de Bergantiños