«En vez de ir para o bar, fago deporte»

O presidente do Club Laracha en Dúas Rodas, Juan Páramo, fala sobre a veteranía da súa entidade e da cita ciclista deste domingo no concello larachés

.

CARBALLO / LA VOZ

Juan Páramo Regueira (Suíza, 1981) ten 37 anos e leva dende os 5 na Laracha. Pero foi hai 6 anos cando descubriu un mundo novo, o da bicicleta. Fíxoo da man do Club Laracha en Dúas Rodas, a entidade ciclista máis veterana do concello con sede na rúa Rosalía de Castro, que agora preside.

-Na Laracha hai ata 5 clubs. A que se debe?

-Ás veces, por indiferenza entre as directivas. Pero, sobre todo, porque somos moita xente andando en bici no concello. Porén, nós somos os que máis anos levamos en activo, 11. Somos todos coñecidos e resulta moi familiar.

-Son tamén os que teñen máis adeptos?

-Andamos sobre 70 socios, e os outros entre 40 e 50, excepto o Club Ciclista Down Hill que creo que é o máis grande.

-Cando comezou vostede?

-Eu levo 6 anos. Comecei polos compañeiros, que te animan a ir dar unha volta, e ao final méteste no mundo este que te engancha a máis non poder; a min polo menos.

-En que medida emprega agora a bicicleta?

-Pasei de non usala a collela todas as fins de semana, e incluso, ás veces, pola semana. En vez de ir para o bar, fago deporte e amizades novas.

-Que marchas fai?

-Vou a todas as que se organizan aquí na comarca e, despois, a algunha máis grande en Cantabria, Ponferrada...

-Adoita ir aos Días da Bici?

-Eu non, pero os meus compañeiros que teñen fillos van á maioría dos sitios. En todos os lados non podo estar [ri]. Ademais, en agosto adoito aproveitar para estar coa familia, xa que o resto do ano non se pode. Pero si que o Día da Bici da Laracha téñoo marcado no calendario.

-Cantos integrantes do seu club participan este domingo?

-Mínimo, iremos uns 25.

-Que importancia considera que ten esta cita ciclista?

-Está moi ben. Bótase en falta que non haxa máis iniciativas deste tipo. Creo que as institucións deberían de moverse máis neste sentido, na mesma cantidade que o fan co fútbol. Nós, por exemplo, facemos dúas saídas durante o verán exclusivas para os nenos, para fomentar o uso deste medio dende pequenos. E o 23 de setembro tócalle á décima Marcha BTT das Cabeceiras do Anllóns.

-Cal sería o tempo idóneo para este domingo?

-Que non vaia moita calor, pero que tampouco chova. Unha cousa intermedia.

Unha cita clásica do verán, para toda a familia, tamén en Zas

Domingo • Saída ás 10.00 da Casa do Concello • O Concello de Zas, dentro do seu programa de conciliación familiar e laboral «Zas no Verán!», ten programada para este vindeiro domingo unha nova edición do Día da Bici. Será un «tranquilo e fermoso paseo polo noso municipio», indican dende o consistorio. A ruta, apta para maiores de 6 anos, constará duns 18 quilómetros e partirá da Casa do Concello ás 10.00, percorrendo a continuación varios puntos do municipio e concluíndo cunha merenda para todos os participantes. Para acudir é preciso anotarse previamente, chamando ao teléfono 981 751 398 ou ao 981 718 056. A inscrición é gratuíta e, o uso de casco, obrigatorio. Ao lado desta cita quedarán outras, como os Venrés a Pé, unha excursión ao Aquapark e campamentos urbanos para os máis novos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«En vez de ir para o bar, fago deporte»