«Os concellos non poden esperar ao último día para contratar socorristas»

«Galicia conta co mellor dispositivo forestal de España, pero é un traballo de todos facer de cortalumes», dixo Ovidio Rodeiro en Radio Voz Carballo


Carballo / La Voz

Ovidio Rodeiro Tato (Boqueixón, 1972) é diplomado en maxisterio pola Universidade de Santiago, máster en xerontoloxía social pola USC e en prevención de riscos laborais pola Universidade de Vigo. No eido da política foi director xeral de Xuventude e Voluntariado dende 2009 a 2015, e alcalde da súa localidade natal, Boqueixón, dende maio de 2015 ata finais de 2016, cando foi nomeado delegado da Xunta na provincia da Coruña en substitución del Belén Docampo. Rodeiro é un dos representantes da Administración autonómica que máis visita a Costa da Morte.

-A climatoloxía está a ser respectuosa, pero, estamos preparados por se xorde unha onda de incendios forestais?

-Temos un problema, tres de cada catro incendios son intencionados, polo que é necesario facer un esforzo, a nivel de toda a cidadanía, de informar, avisar e denunciar os causantes. En canto a medios, Galicia conta co mellor dispositivo forestal. Non só de España, senón de Europa, con sete mil profesionais traballando. De forma paralela, a Xunta colabora cos concellos co ofrecementos de convenios para a contratación de cuadrillas, motobombas... Pero é un traballo de todos facer de cortalumes.

-Tamén houbo un problema serio para a contratación de socorristas en temporada estival.

-Por parte da Xunta faise un esforzo importante para que todas as praias teñan socorristas. Hai unha partida de 1,5 millóns a repartir entre os concellos. Falamos de 5.400 profesionais acreditados, un 11,8 % máis que o pasado ano. Pero son os concellos os que levan a cabo as políticas de contratación. A Xunta fai ese esforzo inversor. O dos socorristas é un traballo que non se debe deixar para o último día por parte dos concellos.

-Pero en Galicia dáse a circunstancia de que un curso específico de socorrista custa 1.400 euros. No Levante, apenas 300.

-No caso de Galicia, o que houbo foi un pacto coas diferentes federacións. É un tema de seguridade, de formación... O que se pretende é defender un corpo de socorristas ben formado e preparado para calquera continxencia.

-Estes últimos meses estase a falar, e moito, do saneamento.

-Precisamente vimos de ver as obras de ampliación na EDAR da Laracha, unha actuación de 1,5 millóns de euros, que permitirá dar servizo a 7.500 veciños. Hai una aposta da Xunta porque todos os concellos estean saneados. Nos últimos anos investíronse na provincia, por parte da Xunta, mil millóns de euros en mellorar o servizo de saneamento, e a ampliación do da Laracha responde a ese criterio.

-Como marcha o plan de sendas de Bergantiños?

-Moi avanzado. Precisamente a última en abrirse é a que une A Laracha co Cancelo, unha senda de case dous quilómetros, cun orzamento dun millón de euros. O Goberno apostou forte por esta bisbarra con sete trazados, que suman once quilómetros e un investimento conxunto de case cinco millóns de euros. O obxectivo é mellorar a seguridade e fomentar a mobilidade co uso da bicicleta.

-Hai dous anos a Xunta presentou o Parque do Megalitismo, pero é a Deputación a que se fai cargo da xestión.

-Trátase, no fondo, de que todas as Administracións sumen esforzos. A Xunta fixo, e fai, un traballo en favor do patrimonio da Costa da Morte. Falo do Camiño de Fisterra e Muxía, o Xeodestino Costa da Morte, da promoción das festas de interese turístico, da posta en valor do patrimonio... No caso do Parque do Megalitismo, no 2016 púxose en marcha o proxecto, pero agora do que se trata é de que haxa un traballo conxunto, incluídos os concellos, que poden ser protagonistas facendo propostas como a compra de parcelas, permutas ou acordos para facerse con aqueles terreos que alberguen patrimonio arqueolóxico.

«O servizo de pediatría está garantido na comarca durante o verán»

O delegado da Xunta non esquivou a polémica falta de pediatras na Costa da Morte, que se traduciu en mobilizacións en Malpica e Coristanco.

-Como valora estas queixas?

-A Xunta aposta claramente pola defensa da sanidade, a educación e os servizos sociais. España e Italia son os únicos países da Unión Europea que prestan atención pediátrica primaria. No resto de países aténdese pediatría con médicos de familia. Polo tanto, España e Galicia fan un esforzo en mellorar o servizo cada día. Pero hai un problema de pediatras no mercado e, polo tanto, pódense producir tensións, que se resolven con reorganización dos recursos. Iso supón un aumento dos desprazamentos das familias, pero o servizo garántese durante todo o verán; o que hai é que reformular os puntos de atención pediátrica, neste caso en Carballo, que conta con catro profesionais. A ratio en Galicia é de 955 nenos por pediatra, no resto de España é unha ratio de 1040 nenos por pediatra. O 90 % das consultas pediátricas realízanse polo servizo de pediatría, e o 10 % restante, por médicos especializados.

-No Virxe de Xunqueira mellorouse o servizo de diálise.

-Houbo un importante plan de melloras. Triplicáronse os postos, de 4 a 14, cos que se poden atender a 24 pacientes ao día. Modernizáronse os tres quirófanos, dotouse ao hospital de máis profesionais e novas tecnoloxías como mamografías dixitais ou ecógrafos.

-Tamén hai queixas das ANPA polo servizo de cátering.

-A Xunta fai un seguimento exhaustivo do servizo. Faino a través da Dirección Xeral de Sanidade Pública e de inspección educativa. É importante que a mínima queixa que haxa se traslade aos órganos competentes para que poidan actuar en cada caso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Os concellos non poden esperar ao último día para contratar socorristas»