«Quero incorporar a quen sexa boa persoa e coñecida nos distintos sitios»

O líder provincial dos populares, Diego Calvo Pouso, analiza en detalle as súas aspiracións e posibilidades nos concellos disputados


cee / la voz

O presidente provincial do PP, Diego Calvo Pouso (San Sadurniño, 1975) participou onte na festa dos populares de Muxía e analizou as perspectivas do seu partido nos municipios con máis opcións cunha actualidade política máis controvertida.

-¿Que valoración fai do traballo dos seus tres alcaldes na zona?

-López Varela [A Laracha] e José [Muíño, de Cabana] son xa xente moi consolidada e Dito [Parga, de Malpica] dende que chegou a alcaldía o único que nos deu foron boas noticias. Son espellos nos que se deben de mirar os candidatos que aínda non gobernan.

-¿Onde pensa que teñen máis opcións de subir en votos?

-O noso intento é sempre mellorar en todos os concellos nos que aínda non gobernamos, porque é difícil subir onde xa temos unha maioría absoluta. Naqueles sitios onde temos menos representación normalmente é onde máis esperanzas pos. Tanto no partido de Carballo como no de Corcubión quedan concellos nos que aínda non gobernamos e podemos facer un bo equipo cun bo candidato/a e acadar máis votos. Loxicamente nos que teñen máis poboación tes máis marxe de mellora en termos absolutos.

-¿Falou con Aurelio Núñez para repetir en Carballo?

-Falo a miúdo porque traballamos xuntos e con outra xente de Carballo tamén. Estamos mirando distintas opcións para ter unha boa candidatura. Todo o mundo di que Evencio se se presenta vaino deixar no seguinte mandato nada máis comezar e, polo tanto, temos que facer un equipo que estea preparado para esa tesitura e para outras. A xente ten que pensar que se lle vota a Evencio realmente non lle está votando a el, porque se vai ir.

-¿Como pensan reconducir a situación de Coristanco? ¿Valoran incorporar a Amancio Lavandeira?

-Como en todos os sitios nunca nos pechamos exclusivamente á xente que forme parte do partido. Un partido se quere optar a ter unha maioría suficiente ten que estar aberto a moitas persoas e sensibilidades. En Coristanco quedamos sen representación cando foi da moción de censura. Temos falado con afiliados nosos a ver cal é o camiño. Imos buscar o mellor candidato sempre partindo da base de que ten que ser unha boa persoa, traballadora e representativa no propio concello. Oxalá teñamos que escoller entre moitas persoas.

-¿Co que pasou, segue crendo que a de Antonio Domínguez é unha boa aposta para Cee?

-En Cee tiñamos que facer un cambio de ritmo e un cambio de dirección. Estivemos traballando durante moito tempo e poñendo toda a carne no asador nos mandatos pasados e, por distintos motivos, non acadamos os resultados que esperabamos. Durante estes últimos anos non estivemos a mover o partido. Non tiñamos reunións propias como grupo. Non fixemos labor de oposición, foi dun desleixo total, e o que optamos foi por renovar todo ese equipo. Iso foi comentado, tanto polo xente que está a día de hoxe como por moitísimos afiliados. Hai algúns que conveñen en que é necesario dar ese cambio de rumbo e outros pensan que é mellor seguir. Eu penso que en Cee temos que ser capaces de acadar esa maioría que tivemos no seu momento. A min non me gusta que a xente se enfade porque vaian uns ou outros. O que sempre digo nas reunións é que aquí non se admiten vetos. Se alguén non está a gusto, pois síntoo moito, que máis quixera eu que todos estean a gusto, pero creo que é necesario cambiar a marcha e meter unha marcha máis en Cee.

-¿Non teme que a incorporación dun exsocialista xere rexeitamento en xente do PP de Vimianzo?

-Algunha persoa pode pensar así. A min non me preocupa moito. De todos xeitos, os resultados que tivemos en Vimianzo demostran que moita xente xa non estaba votando ao PP, nas municipais, ollo, que noutras eleccións si que nos votaba. Moitas veces ocorre que a este xente que non lle gusta é xente á que non lle gustaba tampouco, co cal non me preocupa moito. O que quero é incorporar xente que sea coñecida nos distintos sitios, que sexa boa persoa e que nos axude a facer un equipo mellor. Creo que nese sentido a incorporación do Roque pode cumprir todas as expectativas e axudarnos a acabar cunha ditadura en Vimianzo que o que está levando a cabo o seu alcalde.

-¿Están perseguindo con denuncias ao goberno de Camariñas?

-O que ocorre é que o goberno municipal leva moitos anos facéndoas moi grandes. Cando un fai todas esas falcatruadas continuamente, ás veces sucede que, co paso do tempo, aínda que sexa tarde, acaba pagando. Dende logo non hai ningunha instrución por parte do Partido Popular de perseguir a ninguén. O que tentamos facer cada vez que estamos nun concello é que se respecte a lei. Veremos o que pasa, pero en Camariñas a partir do ano que vén pode haber un goberno popular.

-¿Vai haber relevo de Manuel Barcia en Dumbría?

-O caso de Barcia é un exemplo de como a xente cunha primeira noticia se fai un xuízo de valor que, ao final, non era tal. Alégrome persoalmente por el de que fose unha falsa denuncia e non houbese nada. Pero a verdade é que antes de que este feito se tivese producido, Barcia en conversas con nós, anunciábamos que el non pensaba ser candidato nas seguintes, posto que as súas obrigas profesionais lle impedían atender como quería a súa labor de oposición. Foi antes, e é importante que se saiba porque non o tiña comentado. Eu agradezo esa sinceridade.

-¿Conta con que a irrupción de Ciudadanos teña algún efecto?

-Non o sei. Se aínda por enriba as fichaxes son xente cabreada doutros partidos non o creo. A verdade é que van por mal camiño. En calquera caso, preocúpame máis ter bos candidatos en todos os concellos cun bo equipo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Quero incorporar a quen sexa boa persoa e coñecida nos distintos sitios»