A Xunta dá axudas para dotar ás bibliotecas municipais de novidades en lingua galega

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Actividade nunha das salas da biblioteca carballesa Rego da Balsa
Actividade nunha das salas da biblioteca carballesa Rego da Balsa Ana Garcia

Carballo recibirá a contía máis elevada, mentres que Corcubión e A Laracha apenas superarán os 400 euros

08 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de conceder axudas a un total de 155 concellos para dotar ás bibliotecas e axencias de lectura municipais dos dous títulos editoriais máis recentes en lingua galega. Así o facía constar o Diario Oficial de Galicia desta semana, xunto coa resolución das subvencións para a mellora das coleccións das bibliotecas, na que 118 localidades das catro provincias galegas resultaron beneficiarias. Isto último farase a través da compra de monografías, material sonoro, vídeo gravacións, recursos electrónicos, partituras e material cartográfico.

Nas dúas liñas de axudas, a Secretaría Xeral de Cultura investiu un total de 550.000 euros. Desta cantidade, 200.000 destináronse á adquisición de novidades literarias coa finalidade que os usuarios e usuarias teñan á súa dispoñibilidade as obras máis recentes do mercado editorial galego.

Catorce dos dezaseis concellos das comarcas de Soneira, Fisterra, Bergantiños e o municipio de Cerceda, resultaron beneficiarios destas achegas. Entre eles, atópase Carballo que, ao contar con dúas instalacións destinadas a este uso, recibirá o importe máis alto de todos, con 2.600 euros. Pola súa parte, os concellos de Corcubión e A Laracha contarán coa contía máis baixa, con 437 euros cada un.