«A viaxe a Rusia serviu para que un rapaz poida traballar no futuro de intercambio»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Alba Romero

«Unha vez fixados os lazos en Vladimir, queda impulsar este proxecto erasmus coas rexións participantes», di o alcalde de A Laracha, José Manuel López

11 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Laracha é un dos bastións do PP na provincia e na Costa da Morte. E José Manuel López Varela (A Laracha, 1961), un dos seus activos políticos. Alcalde dende 1999, acumula xa cinco maiorías absolutas, e leva case 31 anos vinculado á política local. Foi deputado provincial en dous mandatos (2003/2007 e 2007/2011) e agora repite tras substituír no posto ao seu homólogo malpicán, Eduardo Parga.

-¿Que tal leva o regreso á Deputación?

-Ben, participo en diferentes áreas. É unha política de grupo, do Partido Popular. Aportamos as nosas ideas, que consideramos importantes para o desenvolvemento da comarca.

-Este goberno provincial parece que se solta máis á hora de dar axudas.

-Vexo moi pouca implicación desta Deputación no que é o mantemento da rede viaria provincial. Temos estradas cun ancho de plataforma de hai corenta anos, a maioría non se tocou en tempo e iso é necesario resolvelo. Temos o exemplo da que vai da Laracha á canteira de Soandres. Fai falla un plan integral de vías provinciais e de travesías importante.

-Pero todos os alcaldes, de toda cor política, admiten que agora hai máis achegas.

-É unha Administración necesaria para botar unha man aos concellos mías pequenos. É certo que hai máis achegas, ao través dos diferentes plans provinciais. En moitos concellos son o único investimento en obras para todo o ano, pero iso non quita que falte unha implicación, como é o mantemento e investimento na rede viaria. De feito, reduciuse a partida orzamentaria a vías o obras. E falta tamén un plan para impulsar tanto o deporte como o desenvolvemento de infraestruturas deportivas.

-Ten 56 anos, rematará o mandato con 57. ¿Apetécelle seguir na política?

-Son decisións que deben valorar os diferentes comités do PP. Son eles os que teñen que decidir se queren que siga, ou non.

-Non creo que Feijoo e Diego Calvo lle vaian poñer moitos impedimentos.

-Queda moito tempo aínda. Non sei como será a miña vida dentro dun ano, con vistas ás municipais, pero eu síntome con ganas e ilusión de poder continuar. Temos un concello nunha situación extraordinaria. Estanse a acadar logros importantes a nivel económico, deportivo, cultural, sanitario e de promoción de emprego e industria. Hai que pensar no futuro da Laracha, pensar en mellorar os servizos públicos e sociais, as obras... Pero non son eu o que acada estes éxitos. Non se pode pensar en corporacións presidencialistas, senón que hai que valorar o traballo dun equipo que hai na Laracha. E grazas a ese esforzo conxunto van saíndo os temas das diferentes áreas.

-No 2011 falouse de vostede para liderar a Deputación ¿Cre que este tren xa pasou, ou o de acadar nun futuro, se o PP reedita éxito electoral, unha dirección xeral na Xunta ou mesmo unha consellería?

-A satisfacción máis grande que podes ter en política é resolver os problemas dos teus veciños. Eu non teño, nin tiven, outras aspiracións que non sexan as de ser alcalde da Laracha. Axudar ao Concello nese progreso, pensando en crave de futuro. Ser deputado provincial serviu, e serve, para axudar aos laracheses dende esta Administración, a máis próxima aos concellos, ou na Federación Española de Municipios e Provincias, nunha das comisións máis importantes como é a de Facenda Local, pero sempre pensando en crave local. Non me fago outros plantexamentos.

-Anda que si Feijoo repite de candidato, o PP mantense na Xunta de Galicia, e lle di: «Alcalde vente para Santiago»...

-E voulle dicir que quero seguir na Laracha, atendendo aos meus veciños e mirando por mellorar A Laracha. Iso é o primordial. Ser alcalde é a miña prioridade máis absoluta, ademais o Partido Popular ten unha canteira de xente importante para levar temas importantes a nivel autonómico e estatal...

-Si, pero a veteranía é un grao. Xa sabe o que se di: xente nova, leña verde, moito fume.

-A veteranía sempre axuda, tanto na política como no resto de actividades e experiencias persoais, pero repito, non teño máis expectativas políticas. Síntome, e sentinme, sempre moi respaldado polo partido en todos os aspectos.

-Pensando en crave local, o futuro económico e de emprego pasa por Cabovilaño e esa ansiada reactivación do polígono coa chegada de Inditex.

-É unha gran noticia para A Laracha porque a sitúa no mapa galego de investimentos empresariais e o seu polígono nunha referencia. Houbo que pelexar moito no seu momento, cunha crise económica moi importante, que foi máis dura xusto cando se remataron as obras no polígono. Agora recollemos, entre todos, estes froitos. E falo de Goberno autonómico, central e, por suposto, dende o Concello, dentro das súas limitadas competencias. Agora teremos empresas de dimensión global na Laracha, e iso reflectirá, sen dúbida, na xeración de riqueza e empregos, directos e indirectos, na consolidación da poboación e do pequeno comercio. Son todo melloras.

-¿Cantas empresas dixeron si a o polígono tras o anuncio do desembarco de Inditex?

-Sete xa teñen o terreo comprado, unha delas, vinculada ao textil, que adquiriu once parcelas. Non podo dicir o nome por un tema de confidencialidade. Se trata de dúas naves xa construídas e once parcelas máis. En conxunto, máis da metade do polígono xa está ocupado.

-Agora toca mellorar as taxas de emprego.

-De aí o noso recente viaxe a Rusia. O obxectivo deste proxecto, financiado pola Unión Europea e neste caso liderado polo Concello, é permitir que un rapaz da Laracha poida traballar de intercambio no estranxeiro, ao través dunha empresa que así o solicite, mediante a posta en marcha dun programa de intercambio erasmus de voluntariado. Unha vez feitos estes lazos en Vladimir queda poñer en marcha o programa. Os interesados xa poden pasarse polo Concello para explicarlles en que consiste esta boa ferramenta de emprego.