«Tras anos xogando, foi fácil meterme na dinámica de selección»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Ana Garcia

Recentemente titulado, o carballés Roi Vega logrou que o combinado galego gañara o torneo de Valladolid

10 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Roi Vega (1979, A Laracha), veterano xogador do Calvo Basket Xiria e, tamén, coordinador e adestrador das Escolas Municipais de Baloncesto de A Laracha, vén de gañar o Campionato de España de Seleccións Autonómicas celebrado en Valladolid co combinado galego cadete masculino da que forma parte como delegado. Esta tempada estreouse como adestrador superior e non puido obter mellores resultados.

-¿Como se desenvolveu a competición?

-Había dous grupos en división preferente, onde se clasificaban os dous primeiros de cada parte, enfrontábanse entre eles, os gañadores ían ás semifinais e despois era a gran final. O noso grupo era Melilla, Ceuta, Castela e León e Navarra. Os dous primeiros foron simples trámites, pois ao Melilla ganámoslle por 40 ou 50 puntos e ao Ceuta por 126. Ao día seguinte, enfrontámonos a Castela e León, que era o rival máis duro. Pero fixemos un partido moi bo en porcentaxe de tiros, sen perdas e con boa defensa, e logramos gañar por 10 ou 12 puntos de diferenza. Pola tarde, fixemos fronte ao Navarra. Pese a que os xogadores estaban cansados do outro choque, foi un encontro moi disputado, chegando a un empate, pero ao final conseguimos gañar por 2 puntos. Na semifinal tivemos un cruce co Asturias, que non foi fácil de vencer. Na final esperounos Estremadura, un partido horrible no que fomos ao descanso levando eles unha vantaxe de 8 puntos, pero que, a partir da segunda parte, apertamos máis en defensa, os tiros comezaron a entrar e finalmente gañamos por unha diferenza de 5 puntos. Logramos ascender á categoría especial.

-¿Como foi a súa experiencia como adestrador superior?

-Comecei en outubro a preparalos e estou moi contento porque comezamos de cero, cun cadro técnico totalmente renovado. Tras anos xogando, xa coñecía a moita xente, polo que foi fácil meterme na dinámica de selección. O máis difícil foi, quizás, tratar cos rapaces, pois nunca adestrara a cadetes. Levo cinco anos como adestrador nas escolas municipais de A Laracha que, dende o pasado ano pasaron a estar asociadas ás Escolas Basket Xiria, pero preparando a rapaces dende os catro ata os trece anos; unha categoría inferior á deste campionato.

-Vostede ten unha gran experiencia no mundo do baloncesto.

-Levo toda a vida vinculado ás Escolas Basket Xiria. Hai 30 anos xa xoguei co presidente, Marcos Díaz Molk. Comecei con 5 anos no colexio de A Laracha porque tíñamos un profesor que era moi afeccionado ao baloncesto, pero aos 8 anos xa marchei para Carballo ao desfacerse o club larachés. E dende hai cinco anos, ofrecéuseme a oportunidade de dirixir as escolas municipais e non dubidei en collela, un pouco impulsado polo aspecto de que eu nun momento determinado tiven que marchar para Carballo porque aquí non había opcións, entón pois fíxeno pensando nos nenos que non teñen posibilidades para desprazarse.

-¿Goza máis xogando ou preparando aos mozos?

-Eu vivo sempre o baloncesto como xogador. De feito, cando os rapaces están quentando, únome a eles para botar uns tiros. Tírame moito a pista, senón con 38 anos non seguiría xogando.

-Sempre deu pasos cara adiante.

-Cando Carlos Colinas, o coordinador galego, me seleccionou sorprendeume bastante. Pregunteille por que un recentemente titulado superior coma min ía ocupar ese posto e respondeume que debido á responsabilidade que tiña no meu traballo, o que me alegrou bastante.

-¿Que valoración fai do que vai de tempada co Calvo Basket Xiria?

-É unha tempada algo rara porque, con respecto ao ano pasado, perdemos potencial ao marchar tres xogadores importantes (Tato, Héctor e Anxo). Non obstante, estamos rendendo ao mesmo nivel. Iso si, sufrindo moito máis. Entón, o ascenso non é tanto o obxectivo, senón manternos e estar na parte alta.

-¿Vai seguir xogando moitos anos máis?

-A partir de agora é cando comezan as dores. Pero eu gozo tanto xogando que en agosto verei como estou e decidirei se o corpo me permite continuar. As ganas téñoas, pero agora xa non depende diso.