Mapas: Bergantiños, un de tradición

xabier díaz

A LARACHA

PACO RODRÍGUEZ

«(...) A miña peregrinación por estas terras foi a de quen busca o Grial dos folcloristas, dos amantes da música e do baile tradicional... Calquera amante ou devoto da tradición debera viaxar ata unha das bisbarras con maior número de catedrais, colexiatas e santuarios da pandeireta (...)»

04 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mapas.

Hainos topográficos, cartográficos, lingüísticos, orográficos e mesmo gastronómicos. Pero cando penso en Bergantiños, a primeira imaxe que me vén á cabeza é a dun mapa da tradición. E é que a miña peregrinación por esas terras foi a de quen busca o Grial dos folcloristas, dos amantes da música e do baile tradicional... Calquera amante ou devoto da tradición debera viaxar ata unha das bisbarras con maior número de catedrais, colexiatas e santuarios da pandeireta.

Unha das cousas que sempre me abraiaron foi pasar por Cambre, por Baldaio, Rus, Erbecedo ou Ardaña e soñar con cantos bailes aconteceron alí. Soñar con cantas bailadoras e bailadores que hoxe ocupan as nosas aldeas en silencio pero que, noutrora, se entregaron de xeito marabilloso a unha das artes máis bonitas e complicadas: facer un baile de pandeireta durante unha noite enteira sen repetir unha copla e, se cadra, sen repetir tampouco un punto.

As miñas gravacións leváronme a todos os concellos da bisbarra, a miña memoria gardou para sempre lugares como Codesido, As Pozacas, Mens, Mirón, Montemaior, Noicela, Nétoma, Oca, Sísamo ou Berdillo. Cal é a diferencia con outros sitios? Por que é tan especial?...

A resposta reside na excelencia, o gusto, a diversión xogando ao tempo co talento; foi aquí nun dos poucos lugares onde puiden ver bailar ou tocar a pandeireta con ese «xeito» tan especial como único e, en definitiva, tan diferente. Agora, cada vez que viaxo para tocar xa sexa a Oslo, Lima, Bos Aires, Londres, Nantes ou Alxer… é estraño que na lista de temas do concerto non haxa un maneo, unha muiñeira punteada ou un alalá de Malpica, Carballo ou A Laracha.

A miña primeira gravación na bisbarra data do 1991, van aló máis de 25 anos. Regresei ao mesmo lugar dúas décadas despois e tiven a sorte de atopar en Codesido-Oca e Coristanco algunhas das señoras que participaron naquela foliada nos abrentes dos 90. Por suposto, non houbo mellor forma de celebrar o reencontro que cantando e bailando. Por sorte a bisbarra está aínda inzada de agrupacións folclóricas que andan a recuperar todo ese patrimonio. Agardo publicar algún día o meu cancioneiro bergantiñán coas gravacións que fixen entre o ano 2010 e 2013, xa en formato dixital e sen o ruído nostálxico dos motores que movían os casetes. Ese día publicarei tamén o meu mapa...

Escoito un aturuxo ao lonxe, o baile está empezando.