«Merece a pena presentarse ás axudas ou, polo menos, informarse»

f. rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

ANA GARCIA

Xa está aberto o prazo para a convocatoria de subvencións do programa Leader Galicia

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o 31 da xaneiro, logo da apertura do prazo por parte de Agader, xa se poden solicitar as axudas do programa Leader. Delas informou recentemente o GDR Costa da Morte, logo dunha reunión da directiva. O seu xerente, José Antonio Vila, falou sobre a convocatoria en Radio Voz. Unha das cuestións a ter en conta neste período é que as entidades xurídicas teñen que presentar os proxectos a través da sede electrónica da Xunta. As únicas que as poden presentar nas oficinas do GDR son as persoas físicas.

-¿En que consisten as axudas?

-Son bastante similares ás anteriores do programa Leader. Son para subvencionar aquilo que sexa creación, ampliación ou modernización de empresas que estean dentro do territorio que abarca o GDR Costa da Morte [17 concellos, desde A Laracha hasta Carnota, pola costa, e máis Mazaricos, Zas e Coristanco]. Coincide co territorio do xeodestino. Hai, a maiores, unha liña de axudas para produción agraria primaria, máis ben enfocadas ao que é a mellora de eficiencia enerxética ou a incorporación de enerxías renovables. Hai ademais outra liña, para a transformación de produtos agrarios, gandeiros e forestais. Tamén, para diversificación de explotacións agrarias en actividades non agrarias: turismo, servizos... A maiores, contémplanse investimentos non produtivos. Son as liñas xerais, pero logo hai que entrar na concreción, porque todo o que sexa de mar, por exemplo, o lóxico é que vaian polo GALP. Nas bases está o que entraría e o que non. Por exemplo, o núcleo de Carballo, o que é o casco urbano, quedaría excluído por poboación, porque son axudas para núcleos que teñen menos de 6.000 veciños. Falamos só do que é o casco urbano, non do resto, que si poden.

-¿Hai unha inversión mínima para poder acceder a elas?

-Non, non a hai, o único que hai son topes máximos de montante ou porcentaxe de axuda.

-¿Cal sería o máximo de subvención en porcentaxe?

-En proxectos produtivos, con actividade económica, iríase dun mínimo dun 22 % a un máximo dun 40 %, en función da puntuación do proxecto. E non produtivos, hai que diferenciar entre prioridade baixa, media ou alta. Nos de baixa, irían dun 32 a un 50 %; nos de media, dun 52 a un 70 %; e nos de alta, dun 72 a un 90 %. Incorporación de novas tecnoloxías, servizos de atención a maiores, garderías... todo ese tipo de benestar social iría a prioridade alta. En media irían proxectos tipo museos, centros de información... E en baixa, aqueles que non estean nas outras dúas. Os criterios están dispoñibles na web de Agader e na do GDR.

-¿E en cartos, cal é o máximo?

-Para proxectos produtivos serían 200.000 euros, con salvedades. Para non produtivos, 50.000 por promotor, en todo o período.

-Entendemos que son axudas a fondo perdido, pero hai unhas condicións a cumprir, ¿non é?

-Si, son axudas a fondo perdido. Os proxectos produtivos teñen que ter viabilidade técnica, económica e financeira. Os outros, técnica, e medios para ser levados adiante. Unha vez co proxecto concedido, e xa funcionando, o que hai que manter é o emprego comprometido, e tamén a inversión e máis a actividade durante un tempo de cinco anos. É concorrencia competitiva: os proxectos preséntanse, barémanse e mándanse a Agader para que diga se son subvencionables ou non. Unha vez que o fai, ordénanse en función da puntuación. Se hai fondos para todos na convocatoria, entrarían todos os que teñen o ‘ok’ de Agader. Se non os hai, entran os que teñen máis puntuación.

-¿Foron moitos os proxectos subvencionados da última vez?

-Houbo bastantes, tanto no territorio do GDR de Bergantiños coma no da Costa da Morte, que antes estaban separados. No da parte sur houbo 76 proxectos [6o produtivos], á parte dos de promoción e de gasto de funcionamento do propio grupo. En Bergantiños, tamén houbo bastantes: andaban polos 2,5 millóns de euros. E, no territorio do GDR Costa da Morte, polos 4,1.

-Haberá xente que espere por estas axudas para dar o pasiño.

-Si, xente que xa estivo facendo o plan estratéxico, chamando, para ver cando se podían pedir e tal. Ao estar ao pé do terreo, coñécennos e chámante, ou veñen á oficina, que non é o mesmo que ir a Santiago ou á Coruña. Saben que este programa Leader xa leva funcionando varios períodos, bastantes anos, e saben que para proxectos pequenos funcionan, que son axudas moi importantes porque poden chegar ao 40 % a fondo perdido. É unha cantidade moi grande. Que hai que manter cinco anos e hai trámite, é verdade, pero creo que unha axuda incluso ao 30 % cámbiache ben a cousa. Cambia de que che dean eses fondos porque o teu proxecto cumpre a telo que ir sachar ti alí ao monte. Eu digo que merece a pena presentarse ou, polo menos, informarse, tanto na oficina de Buño como na de Vimianzo. Non hai que inventar un proxecto para unha axuda, pero tendo xa o proxecto...

-¿Ata cando está aberto o prazo?

-A convocatoria está aberta dende o 31 de xaneiro, e ata o 31 de marzo do 2020, continuamente, para que se poidan presentar proxectos todo este tempo. ¿Que pasa? Que hai dúas convocatorias anuais: unha, ata o 31 de marzo de cada ano, na que os proxectos teñen que estar resoltos antes do 31 de xuño. Se sobraron fondos, habería unha segunda convocatoria, para proxectos presentados antes do 31 de maio, e para resolver antes do 31 de agosto. Así, cada ano. Proxectos que non quedasen elixidos na primeira convocatoria poden ir á anualidade seguinte. O que non se pode facer é iniciar as inversións antes de presentar o proxecto, porque se cae enteiro. O único que se pode facer antes sería un proxecto técnico, enxeñeiro, plan de viabilidade ou incluso tamén compra dun terreo.