«Detrás dun litro de leite hai compromiso coa terra, coa paisaxe e coa sociedade»

Apaixoado da fotografía, José Luís Míguez vén de publicar un libro cun centro de imaxes sobre o muxido


Carballo / La Voz

José Luís Míguez (A Coruña, 1970), nado en Oza dos Ríos, é veterinario na cooperativa Seragro, no departamento de calidade do leite. É, ademais, un «humanista, porque lle dá un pouco a todo», tal e como di Luis García, director da EFA Fonteboa e condutor do programa Voces do Agro de Radio Voz. Míguez foi un dos últimos convidados de Luís, en tanto que, a través dunha das súas paixóns, a fotografía, acaba de dar luz a un libro de imaxes titulado El ordeño, lo que es. A presentación foi hai tan só uns días, na Semana Gandeira de Mazaricos, precisamente municipio punteiro na produción láctea. Xusto no intre de responder a esta entrevista atopábase no Alto de Montemaior, en A Laracha. Na súa posta de longo en Mazaricos, Míguez estivo acompañado de Gustavo Pappaterra, director de produtos de Calier. Sente que a acollida da obra foi moi boa e mesmo algunha xente lle trasladou a emoción de ter recoñecido o que quixera expresar.

 -¿Por que ese título do libro? ¿Non sabemos o que é o muxido?

-Sabemos o que é os que estamos metidos neste mundo. Como dixen en Mazaricos, este libro é a miña pequena contribución á defensa do sector lácteo, en crise dende hai bastante tempo para aquí. A raíz das manifestacións en Santiago, pensei en que podía facer eu, que estivese na miña man, para poñer un gran de area. Gústame moito a fotografía e xa tiña inquedanza por facer un libro dedicado ao muxido, polo que unín ambas cousas. Cando unha persoa, nun liñal dunha gran cidade, compra un litro de leite, non sabe todo o que hai detrás. Perdeuse toda esa profesionalización do oficio que hai detrás, toda a cadea de valor que vai dende a persoa que muxe. Ninguén cando consome leite lle pon nome, apelidos, rostro. Outros sectores de produción, como a viticultura, a pesca, o marisqueo, o traballo da pedra, os oleiros ou as palilleiras son pasto frecuente dos obxectivos das cámaras de fotos, porque sempre gusta ver traballar coas mans, e poñerlle cara a un produto de boa calidade. ¿E o leite? ¿Por que non? Temos moitas cousas que amosar de cara á sociedade, de aí este libro onde intentei facer fotografía artística nas ganderías, porque hai cousas bonitas que amosar.

-Vemos, logo, que o leite é un produto de primeira necesidade, pero non sabemos o que hai detrás del. ¿Que diría vostede que hai, logo?

-Detrás dun litro de leite hai compromiso coa terra, compromiso coa paisaxe e compromiso coa sociedade. Cando unha persoa opta por dedicar a súa vida á produción de leite... Díxomo Xusto Sánchez, de A Devesa-Langueirón, hai un tempo: «Producir leite é unha opción de vida». É a oración máis acertada que escoitei nunca. Así que, no libro, o que busquei foi un pouco iso, ensinar o que non se ve dende unha faceta humanística, amosar a relación do home coa vaca a través do muxido. En todo o que é a produción animal, o muxido penso que é o que expresa a relación máis estreita entre o home e o animal.

-¿De cantas imaxes falamos?

-Fixen varios miles de fotos ao longo de todo o ano 2015. Logo fun quedando coas que máis me interesaban, ata 107, máis ou menos.

-A evolución do muxido nos últimos 20 anos foi exponencial. ¿Tamén queda iso reflectido nas imaxes?

-Si, fixen tiradas de fotos a eses muxidos que xa non contan. Díxeno na presentación: hoxe, os veterinarios somos consultores, técnicos, certificadores... Agora todo se puntúa e valora (hixiene, ventilación, iluminación, calidade da auga...), pero hai persoas moi antigas, establos que xa case non teñen a ninguén detrás, e iso foi a base da gandeiría en Galicia de primeiro nivel. Están aí, son o que foron, os nosos principios. Dedico un apartado á loita diaria desas persoas.

-Persoas que fixeron o seu traballo de forma anónima. Somos a novena rexión europea en produción de leite e todo ese traballo está feito por moitas desas persoas que hoxe xa non están nas explotacións.

-Exactamente, esas persoas. É unha especie de tributo ao sector leiteiro.

-¿Como será a distribución?

-O libro non foi editado por unha editorial, senón por unha empresa multinacional farmacéutica, Laboratorios Calier, filial do grupo Indukern, unha multinacional química global asentada en Barcelona, pero con raíces galegas. A proposta chegou a eles e era ademais romper un pouquiño coa liña estética das farmacéuticas, porque nas imaxes amósanse as cousas tal e como son. As fotografías son feitas coa luz da granxa, sen intervir nas escenas de traballo, reflectindo o ambiente que hai nun día coma o de hoxe mesmo, un día de sarabia ás sete da mañá. Gustoulles o reto. En canto á distribución, pedín que fose gratuíta. Non é un libro que estea á venda, senón que se distribúe a través das canles do sector leiteiro, chegando a aqueles estamentos nos que puidese haber unha reivindicación. Creo que unha edición vai ir para Centroamérica e Sudamérica, para as gandeirías emerxentes. Trátase de potenciar a autoestima, de poñer en valor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Detrás dun litro de leite hai compromiso coa terra, coa paisaxe e coa sociedade»