«Temos máis poboación e territorio con menos cartos para repartir»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

A LARACHA

ana garcía< / span>

O alcalde e deputado confía en que os tres millóns de euros cos que contan poidan chegar a cinco nestes catro próximos anos

26 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Zas e deputado provincial do BNG, Manuel Muíño Espasandín (Baio, 1962) foi elixido onte de novo presidente do GDR Costa da Morte, xunto con Javier González (Neria), de vicepresidente; o alcalde de A Laracha, José Manuel López Varela, como secretario, e Ramón Sestayo (Cogami) de tesoureiro. Afronta esta nova etapa con retos parecidos aos da anterior, aínda que cun territorio moito máis amplo que atender, pola fusión dos grupos, e menos cartos para distribuír en axudas.

-¿Que acordaron a maiores da composición da directiva?

-Tamén a estratexia, que estivo elaborando e tramitando unha empresa estas tres semanas, que se abordou nos foros a través da presentación de ideas e das medidas que entendían máis necesarias os distintos sectores, aparte de coordinala cos axentes de desenvolvemento local e coa propia xunta directiva.

-¿Cambiaron as necesidades?

-Son máis ou menos as mesmas, só que agora temos máis poboación e máis territorio con menos cartos para repartir. As liñas de axuda veñen en boa medida dadas polo propio Agader. Por exemplo, non podemos subvencionar o que é a produción primaria, pero si a comercialización e distribución de produtos agrarios diferenciados, diversificados e de calidade; que é algo no que se insistiu moito. Imos apoiar estes sectores primarios temos tamén, por exemplo, liñas de turismo.

-¿Con cantos cartos contan?

-Asegurados, tres millóns e pouco de euros, pero o plan está feito en base a cinco millóns de euros que é o máximo que podemos ter e que non entenderiamos non acadalos cando somos o segundo maior grupo por poboación e por territorio. Confiamos en que a Xunta sexa receptiva en isto porque vai cun sistema de cen puntos pola realidade socioeconómica do territorio, no que somos unha zona desfavorecida, e pola propia valoración deste plan. Entendemos que será un dos mellores, porque non se trata dun proxecto que xa existira e se firmase. Todo o que se fixo foi participativo, que é precisamente o que quere Europa e penso que debemos ter unha boa valoración. Ademais, no GDR Costa da Morte anterior esgotamos os fondos e tivemos un nivel de execución altísimo, do 96 %, e no de Bergantiños igual, por enriba do 90 ou do 91.

-¿Cando vai poder a xente presentar proxectos?

-Nós temos que enviar isto antes de finais de mes e despois a Xunta ten que aprobalo, que xa imos con retraso.

-¿Ten sentido que estean separados dos GALP?

-Nós non os podemos xuntar, é unha división propia da Xunta. Antes, por exemplo co Leader I, cando o xestionaba Neria, eran moito máis amplos. Agora o que estamos tentando é coordinarnos en cuestións comúns, porque xa non é que haxa un GALP, é que son dous e ademais hai concellos como Zas, Coristanco e Mazaricos, que non podemos optar a esas axudas pesqueiras. Eu penso que non se deberían separar, porque o que é bo para Cabana ou Laxe, tamén o é para Zas. O que faremos será traballar de forma conxunta naqueles asuntos nos que podemos facelo, como é o da promoción turística, pero esta división faina a Xunta, nin sequera é que veña imposta de Europa.

manuel muíño espasandín