«Estes seis meses servíronlle a moita xente para reflexionar sobre o que está pasando»

Marga Varela, candidata número 6 do PP

t. l. j. v. l.
carballo, cee / la voz

Marga Varela Lema (1963) preséntase por terceira vez ao Congreso polo Partido Popular. Na primeira logrou un escano no último dos catro anos de mandato. Ía sétima, o PP gobernaba e foron correndo as listas. Agora, como en decembro, vai sexta. Ela di que ten opcións polo mesmo procedemento.

-¿Non é unha campaña moi atípica? Con pouco movemento polas rúas, ou iso parece.

-Pois eu traballo bastante. Por Carballo, o núcleo e as parroquias, e por todos os sitios onde me chaman.

-¿Que percibe na xente?

-Percibo preocupación polo que poida pasar, por quen vaia a gobernar. Moitos pensan que pode vir Podemos, e iso xéralles medo.

-¿Que cre que pasará o domingo co seu partido?

-Eu, a nivel persoal, penso que imos mellorar. Bastante. Hai moito indeciso. E estes seis meses servíronlle a moita xente para reflexionar sobre o que está pasando. As enquisas danlle un ascenso a Podemos e IU, pero eu creo que a verdadeira subida será a do PP. A xente irá a votar convencida de que o PP é a mellor opción.

-¿Que pode facer o PP pola Costa da Morte dende Madrid?

-As competencias son poucas, pero eu xa demostrei que se pode facer moito, a mágoa é que non estivera máis tempo para facer máis. Están aí os 500.000 euros que logrei nunha enmenda para a senda peonil entre Caión e Razo. Están aprobados, pero ninguén da oposición pregunta nada por eles. Fixen xestións para abaratar o chan industrial dos polígonos da SEA...

-Que segue igual.

-Si, pero intentouse, hai que seguir loitando e por suposto que seguirei. E falei co director da Policía Nacional para traela para Carballo. De momento, vén a oficina de documentación, pero díxome que máis adiante habería que volver miralo. Non hai que esquecer que vimos dunha crise, e os investimentos non foron doados.

-¿Cre realmente que pode volver a Madrid?

-Claro. Se gobernamos, e ímolo facer, é perfectamente posible. As listas acostuman a moverse con nomeamentos de altos cargos. É un traballo importante, no que se poden facer moitas cousas. Quero seguir traballando pola comarca. Aprendín moito, pero tiven moi pouco tempo para desenvolver todo.

-¿Volverá á política municipal?

-Eu traballo e axudo en todo o que me piden na política local dende hai moitos anos. Outra cousa é estar en postos de responsabilidade, e a iso non podo descartar, pero non depende de min, depende do partido, e eu farei o que me manden e o que me pidan, como fixen sempre. Agora están os que están, e eu estou totalmente volcada en traballar para as eleccións xerais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Estes seis meses servíronlle a moita xente para reflexionar sobre o que está pasando»