A Costa da Morte Paso a Paso volverá a Radio Voz despois do verán

Xan Fernández Carrera

A LARACHA

JOSÉ MANUEL CASAL< / span>

A camiñata deste domingo entre Caión e Razo pechará a primeira xeira do espazo divulgativo

16 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o pasado mes de febreiro Radio Voz Bergantiños veu emitindo semanalmente todos os xoves o espazo A Costa da Morte Paso a Paso, do que fun colaborador. Un programa que tiña a intencionalidade de espertar o interese por coñecer lugares deste noso territorio que destacasen pola súa beleza paisaxística ou polo seu valor histórico ou arquitectónico. Procuramos que estes puntos elixidos fosen diversos tanto no que respecta ao seu espazo xeográfico, de costa ou de interior; coma a súa temática, de interese natural ou histórico.

Algúns son moi coñecidos como o cabo de Santo Hadrián, a Enseada da Insua, o Cemiterio dos Ingleses, o monte Pindo ou Razo e Baldaio. Outros teñen menos proxección, pero tamén interesantes, como o Alto da Ferreira, Pico de Meda, Lires ou a punta da Buítra.

En cada un dos 14 programas emitidos nesta primeira xeira indicábase como chegar ao espazo proposto, describíase aqueles aspectos máis salientables do mesmo, propoñíase unha ruta para realizar a pé e suxiríanse outros lugares próximos a visitar. E como remate, líase un texto literario que fixera alusión ao emprazamento proposto, procurando que fose dun autor local.

Esta colaboración na radio foi para min unha experiencia nova, na que comprobei como desde un medio de comunicación se pode contribuír ao coñecemento do noso patrimonio, e tamén a espertar o interese por coñecer mellor esta fermosa rexión costeira na que vivimos, enxalzando os seus múltiples valores históricos e paisaxísticos. Pero a través dela tamén se crea a curiosidade por visitar outros espazos da nosa contorna, achegando propostas a aqueles cidadáns que lles guste o contacto coa natureza e camiñar por ela, escoitando o son do mar, dun río, ou pararse diante dun dolmen, un castro ou outro resto histórico que nos emite información de hai centos ou miles de anos. Mais tamén nos permite saborear unha ampla panorámica paisaxística cando ascendemos a miradoiros tan singulares como o monte Pindo, o Pico de Meda ou o Monte Facho de Muxía.

Son consciente de que o tempo de emisión fíxose curto para falar con detalle sobre os múltiples aspectos que ten cada un destes puntos do territorio, pero a pesar das eivas e dos erros cometidos, estou convencido que este labor de divulgación a través das ondas contribuíu a coñecer e valorar o noso microcosmos e a sentirnos un pouco máis orgullosos de pertencer a este Fisterra europeo.

Despois dunha paréntese que faremos durante o verán, no outono temos pensado continuar propoñendo novos espazos que poidamos visitar e experimentar novas sensacións. Pero antes queremos rematar esta primeira parte realizando unha ruta, para amosar que tamén nos gusta pisar terra e tomar contacto coa realidade. Por iso convidamos a todas aquelas persoas que lles guste camiñar e contemplar a paisaxe, a participar no roteiro que organizaremos este domingo entre Caión e Razo. Unha camiñada costeira que ten o mar como protagonista, na que teremos a oportunidade de observar a pegada da historia na vila de Caión, a través da súa igrexa renacentista ou do pazo dos Condes de Graxal; ver o traballo do mar que foi o escultor das variadas formas de modelado desta costa, construíndo lugares tan fermosos coma a Furna Furada; contemplar o paso do tempo xeolóxico reflectido en espazos tan curiosos coma o coído de Leira ou a praia fósil de Razo; ou gozar de áreas naturais de tanta beleza e interese ecolóxico como a de Razo e Baldaio, na que teremos a oportunidade de observar algunhas das múltiples especies de aves que alí habitan. Todo isto, e máis, mentres Paso a Paso, transcorre o camiño e a conversa coas persoas que van a carón de nós, porque camiñando tamén se fai amizade.