Razo-Baldaio, un espazo natural cheo de atractivos

La Voz

A LARACHA

Os restos históricos e as paisaxes enmarcan unha paraxe no que se dan cita varios ecosistemas de gran valor ambiental

14 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O litoral carballés foi o destino da última emisión do espazo de Radio Voz Bergantiños Paso a paso con Xan Fernández Carrera. O presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns acompañou aos oíntes ata Razo-Baldaio, un espazo de gran valor paisaxístico e ambiental.

Como chegar • Varias estradas levan ata esa paraxe. Desde Carballo pódese ir pola DP-1902 ata Razo ou pola DP-1909 en dirección a Caión desviándose cara Pedra do Sal.

Espazo natural • Un afundimento do terreo que chega ata A Laracha e Meirama é a orixe dun espazo no que a formación dunha barra areenta pola acumulación de materiais acabou por impedir a saída da auga dos regatos que alí desembocaban e propiciou a creación da lagoa. O arrastre de sedimentos vai formando a marisma e a xunqueira e acabará por facer desaparecer a lagoa. Varios ecosistemas (praia, duna, lagoa, marisma e xunqueira) coexisten na zona e cada un ten unha fauna e unha flora propias.

Interese histórico • O lugar estivo habitado desde a prehistoria. Houbo mámoas, xa desaparecidas, e varios recintos castrexos (Cambre, Castrillón, Vilela, Torre Vella e Constenla). As igrexas de Lema e Noicela teñen vestixios románicos. Torre Pardiñas e as casas fidalgas de Cambrelle, Pereira e Nandufe completan o patrimonio.

Ruta a pé • Comeza no Castro de Constenla e remata en Razo tras pasar por Casedelas, Noicela, Rebordelos, Lema e Cambre.

Outros lugares de interese • Ademais dos restos dos castros, a localidade larachesa de Caión está moi próxima e garda unha estreita relación con Baldaio.

Nas letras • O lugar aparece no libro do autor carballés Xurxo Borrazás Criminal.