Lembranzas larachesas

miguel pazos otón

A LARACHA

Miguel Pazos, ademais de dirixir o Cetur, é profesor de Xeografía na Universidade de Santiago.
Miguel Pazos, ademais de dirixir o Cetur, é profesor de Xeografía na Universidade de Santiago. SANDRA ALONSO

Miguel Pazos, director do Cetur, reflexiona sobre a súa infancia bergantiñá: «Era un orgullo ser larachés e gañarlles aos coruñeses. Fíxose un traballo de base tremendo»

08 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que está tan de moda lembrar os tempos da Educación Xeral Básica e a nostalxia dos anos oitenta, vou evocar a miña infancia larachesa.

Eu estudei a EXB no Colexio Nacional Mixto Comarcal Ramón Otero Pedrayo da Laracha. Vivín varios anos na Laracha, e iso marcoume para sempre. A Laracha daquela estaba a corenta e cinco minutos da Coruña, e era unha vila cativa. Carballo era a grande referencia para todos os laracheses, ben fose por motivos de estudo, comerciais ou de lecer. A Coruña estaba cerca, pero Carballo estaba moito máis preto, e ademais era a capital de Bergantiños. A Laracha sempre mirou cara Carballo como un neno olla cara o seu irmán maior. A Coruña era outra cousa. A autoestrada aínda non existía.

En plenos anos oitenta, nos recreos xogabamos ás canicas no patio do colexio. Algúns de nós comezamos a collerlle afección ao basquet, e do colexio pasamos a adestrar no pavillón municipal, a carón do campo de fútbol.

Competíamos case sempre con equipos da Coruña, da capital, e A Laracha era un feudo temido polos herculinos. Case todos marchaban derrotados, para a nosa satisfacción e alegría. Era un orgullo ser larachés e gañarlles aos coruñeses. Fíxose naqueles anos un traballo de formación e de base tremendo. O deporte era un xeito de gozar a vida e a xuventude dunha forma sá, nun momento no que a droga facía estragos nas grandes cidades e nalgunhas vilas próximas. Sempre lles estaremos agradecidos aos nosos adestradores e ás persoas que traballaron na directiva das Escolas Deportivas da Laracha, en condicións que non eran nada fáciles.

Eran anos de facer moito deporte. Os meus recordos lévanme ás pistas de Santa Lucía, onde xogabamos ao fútbol despois das clases. Eran iso, simples pistas de terra, e seguiron sendo de terra moitos anos. A urbanización ía lenta e o asfalto aínda tardou en chegar. A Laracha medraba a un ritmo tranquilo. Nas pistas formábanse pozas e fochancas, e sempre volviamos ás casas mollados, cheos de lama e moitas veces cos xeonllos ensanguentados.

 

Eran as nosas feridas de guerra, futboleando en tempos do Mundial de España 82. Todos queríamos ser como Paolo Rossi, o máximo goleador daquel mundial. España quedara eliminada en cuartos, como sempre... Nas pistas facíamos ademais grandes carreiras de bicis. Eu tiña unha Motoretta-3 que era o meu maior tesouro. As súas rodas con tacos convertíana nunha bici todo-terreo, unha precursora da mountain-bike. Algúns amigos meus tiñan bicicletas de carreiras, que eran moito máis finas, pero con elas non se podía competir nas pistas.

 Clases de música

Os sábados pola mañá ía a clases de música con don Anselmo, o párroco, na Avenida de Caión. Don Anselmo impartía clases de melódica de xeito totalmente altruísta a unha chea de rapaces. El foi o meu primeiro mestre de música, e sempre o lembrarei.

Ás veces meus pais, meu irmán e eu xantabamos fóra, e íamos ao Chispas, ao Boga ou tomabamos algo no bar Plaza. Comprabamos o material escolar na de Segundo e os mobles en Establecementos Cambón. Sacabamos sempre as fotos en Foto Manolo, no Regado. Aquel era un mundo sólido, de costumes inalterables, con referencias, con ancoraxes, con fundamento. Non como agora, que mercamos cada día nun sitio diferente e moitas veces por Internet. O que importaba era a proximidade, o cara a cara, a veciñanza. Non había redes sociais, nin móbiles, nin tanta présa como hoxe. Nos días de primavera e verán, xogabamos ao fútbol ata que se facía de noite, e volviamos á casa sós. Ninguén se preocupaba tanto como agora. Era outro mundo. Non creo que fose necesariamente mellor que este, pero o que si sei é que era moi diferente. Como diría Arsenio Iglesias, «qué duda cabe».

«Aquel era un mundo sólido, de costumes inalterables, con referencias, con ancoraxes, con fundamento. Non como agora, que mercamos cada día nun sitio e moitas veces por Internet. O que importaba era a proximidade, o cara a cara, a veciñanza. Non había redes sociais nin tanta présa coma hoxe»

Miguel Pazos. Nacido en 1974, é o director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas dende hai case dous anos, unha entidade que botou a andar no 2004 impulsado por varios grupos de investigación da USC, sobre todo de Empresariais, Filoloxía e Xeografía. Pazos é ademais profesor titular na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago, en concreto na área de Xeografía Humana.